Inicio Galicia O DOG publica o cambio de titularidade da avenida Luís Rocafort a...

O DOG publica o cambio de titularidade da avenida Luís Rocafort a prol do concello de Sanxenxo

0

A estrada de titularidade provincial, avenida de Luís Rocafort, constitúe unha das arterias deste municipio, ao comunicar o paseo de Silgar co centro de Sanxenxo e coa estrada Pontevedra-A Lanzada (PO-308)

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar hoxe o decreto polo que se autoriza o cambio de titularidade da Avenida Luís Rocafort desde a Deputación provincial de Pontevedra a prol do Concello de Sanxenxo. Deste xeito, dáse cumprimento a acordo do Consello da Xunta do pasado día 21 de xuño, no que se acordou a transferencia desta estrada provincial EP-9204, que comunica o paseo da praia Silgar ata a rotonda a este municipio pontevedrés.

O Concello de Sanxenxo e a Deputación provincial de Pontevedra asinaron un convenio o día 28 de abril de 2016 para a urbanización da avenida Luís Rocafort. No convenio establécese que unha vez rematadas as obras, iniciarase a transferencia do vial a prol do Concello de Sanxenxo.

A estrada de titularidade provincial EP-9204, Avenida de Luís Rocafort, constitúe unha das arterias principais deste municipio, ao comunicar o paseo de Silgar co centro de Sanxenxo e coa estrada Pontevedra- A Lanzada (PO-308). O tramo a transferir conta cunha lonxitude de 590 metros.

Unha vez rematadas as obras e asinada a acta de recepción con data de 29 de decembro de 2017, o Pleno da Corporación provincial aprobou o 23 de febreiro de 2018 a proposta de cambio de titularidade ao concello, e deu traslado do expediente á Xunta de Galicia.

A tenor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta, por proposta da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, competente en materia de estradas.

Co cambio de titularidade, o Concello de Sanxenxo terá a competencia para actuar en ambas vías e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este anuncio. 


- Te recomendamos -