Inicio Galicia O director do 061 de Galicia recolleu en Madrid o selo de...

O director do 061 de Galicia recolleu en Madrid o selo de excelencia europea 400+ de calidade na xestión

0

A entrega realizouse no marco do VI Foro de Excelencia en Sanidade do Club de Excelencia en Xestión, no que se realizou un recoñecemento ás vinte e sete organizacións sanitarias que obtiveron un Selo de Excelencia Europeo EFQM no último ano


O director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, José Flores Arias, recolleu o pasado 28 de novembro en Madrid o Selo 400+ en recoñecemento ao compromiso coa calidade na xestión. A entrega tivo lugar no marco do VI Foro de Excelencia en Sanidade do Club de Excelencia en Xestión en representación da Fundación Europea para a Xestión da Calidade (EFQM), no que se realizou un recoñecemento ás vinte e sete organizacións sanitarias que obtiveron un Selo de Excelencia Europeo EFQM no último ano.

O Selo de Excelencia Europea 400+ entregado a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 é un recoñecemento á calidade, rigor e compromiso na prestación do servizo de urxencias e emerxencias extrahospitalarias en Galicia que ten validez para os próximos tres anos.

A renovación do Selo 400+ realizouse tras unha avaliación externa realizada no mes de setembro polos auditores do Club Excelencia en Xestión e da entidade de certificación Aenor. A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 obtivo unha puntuación comprendida entre os 450 e os 499 puntos segundo os criterios do Modelo EFQM de Excelencia.

Os resultados da avaliación subliñaron o bo nivel de excelencia na xestión da organización, segundo destacan as puntuacións acadadas nos apartados resultados e xestión innovadora. Outros valores destacados do 061 de Galicia foron a competencia e o compromiso dos seus profesionais. Deste xeito, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 continúa a ser o único servizo autonómico de atención ás urxencias e emerxencias extrahospitalarias que supera os 400 puntos a nivel estatal.

Compromiso coa cultura da excelenciaCoa renovación do selo 400+, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 reforza o compromiso que ven mantendo coa implantación gradual da cultura da excelencia. Comezou no ano 1999 coa definición do Plan Estratéxico e os obxectivos que impulsan o mesmo e ao longo destes anos, realizáronse seis autoavaliacións, nas que o 061 de Galicia foi incrementando a puntuación obtida en cada unha delas. Así, pasou de obter e renovar o Selo 300+ a obter o 400+ na avaliación realizada no ano 2016.

O sistema de avaliación e recoñecemento do EFQM constitúe hoxe en día unha das acreditacións de maior relevancia e prestixio, no ámbito público e privado, a nivel internacional. Para os próximos anos, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 está a consolidar e avanzar no nivel de excelencia alcanzado de cara á obtención do Selo 500+, mantendo sempre ao usuario como o punto de referencia do seu compromiso coa mellora continua cara á excelencia. 


- Te recomendamos -