Inicio Galicia O Diario Oficial de Galicia publica o Decreto que regula a titularidade...

O Diario Oficial de Galicia publica o Decreto que regula a titularidade e os dereitos de explotación dos resultados da investigación e innovación desenvolvida no marco sanitario

0

Por primeira vez regúlanse estas materias na nosa comunidade autónoma


O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica na súa edición de hoxe o Decreto 141/2018, do 25 de outubro, polo que se regula a protección, valorización e transferencia dos resultados de investigación, desenvolvemento e innovación no ámbito do Sistema público de saúde de Galicia. Neste sentido, o decreto define a titularidade e protección dos resultados da investigación, o dereito á participación nos beneficios, e o procedemento de creación e participación en spin-offs.

A investigación e innovación adquiren sentido cando se logra transferir os seus resultados en beneficio da cidadanía. Con este obxectivo, a norma aprobada hoxe pretende aproveitar e xestionar eficientemente estes resultados favorecendo o xurdimento de novas iniciativas empresariais e de emprendemento que contribúan a mellorar a saúde da poboación e a achegar riqueza.

Este decreto aplicarase a todas as actividades e resultados da investigación, desenvolvemento e innovación sanitaria do persoal investigador da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, así como das entidades instrumentais da súa titularidade. Por primeira vez regúlanse estas materias na nosa comunidade autónoma e ademais, Galicia convértese nunha das primeiras comunidades do estado en regular estas materias concretamente para o ámbito sanitario conforme á Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación.

Titularidade, beneficios e transferencia dos coñecementosCon respecto da titularidade e protección dos resultados da investigación e da innovación obtidos polo persoal investigador do Sistema público de saúde Galicia, o decreto determina que corresponderá á Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou ás entidades instrumentais para as que o persoal investigador preste os seus servizos.

O dereito á participación nos beneficios obtidos é outro dos temas recollidos nesta normativa, que establece que a distribución será do 50% para o persoal investigador que teña a consideración de autor ou inventor dos resultados da investigación e o 30% para a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde ou as súas entidades instrumentais, a través do centro onde preste os seus servizos o persoal investigador. O 20% restante irá destinado á promoción de actividades de I+D+i sanitaria, as cales serán xestionadas pola Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS).

As actuacións dirixidas a que os resultados da investigación cheguen ao mercado e á cidadanía coñécese como valorización e transferencia. O decreto determina que a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), será a encargada de deseñar, xestionar e executar a estratexia para a protección, valorización e transferencia dos resultados da investigación, desenvolvemento e innovación no ámbito do Sistema público de saúde de Galicia.

ACIS tamén xestionará a explotación comercial dos resultados a través de varias fórmulas, previa consulta no seu caso co persoal titular da investigación. Estas fórmulas poderán ser a licenza ou cesión dos dereitos a favor dun terceiro sen vinculación co Sistema público de saúde de Galicia, ou a creación ou participación nunha spin-off á que se lle outorgará unha licenza para a explotación comercial destes resultados. O decreto tamén contempla a autorización do persoal investigador para prestar servizos nestas spin-off.


- Te recomendamos -