Neste proceso ofértanse1.429 prazas, das cales 830 corresponden a enfermería, 390 a celador e 209 ao grupo auxiliar da función administrativa
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, as listas definitivas de aspirantes admitidos e excluídos no concurso-oposición para o ingreso nas categorías de enfermería, celador e grupo auxiliar da función administrativa. Tamén se publican os exentos e non exentos do exercicio de lingua galega.
Neste proceso ofértanse1.429 prazas, das cales 830 corresponden á categoría de enfermería, 390 prazas á de celador e 209 á de grupo auxiliar da función administrativa.
Por primeira vez inclúese unha reserva de 30 prazas na categoría de celador para o seu acceso a aspirantes que acrediten ter recoñecida unha discapacidade intelectual.
Está previsto que o 10 de marzo de 2019 se celebren os exames para o acceso á categoría de celador. Posteriormente, o 7 de abril deste mesmo ano desenvolveranse os da categoría de grupo auxiliar da función administrativa e o 12 de maio os correspondentes a enfermería.
En total, resultaron admitidos no proceso 28.702 aspirantes. Deles 2.383 terán que realizar o exame de lingua galega, ao non ter acreditado o seu coñecemento mediante a presentación do correspondente certificado Celga.
Por categoría, a de celador rexistra o maior número de aspirantes admitidos con 10.887, seguida da categoría de enfermería, con 8.734 aspirantes e grupo auxiliar da función administrativa, con 9.081 aspirantes.
Nesta mesma resolución determinouse a composición dos dous tribunais de selección que se constituirán para valorar as probas selectivas de acceso á categoría de celador, un deles específico para o acceso pola quenda de discapacidade intelectual.
Na configuración de tales tribunais respectáronse os principios de profesionalidade e especialización dos seus membros establecidos pola normativa vixente así como os criterios de designación elaborados pola Comisión técnica de mellora dos procesos selectivos e aprobados pola Mesa Sectorial de Negociación, o pasado 20 de xullo. Ditos criterios están publicados na páxina web do Servizo Galego de Saúde(www.sergas.es) .
Os órganos de selección están formados por profesionais con distinta antigüidade no sistema sanitario público e procedentes de distintos ámbitos de xestión. Todos eles ostentan a condición de persoal estatutario fixo ou funcionario de carreira en categoría para cuxo acceso se require estar en posesión dunha titulación do mesmo ou superior nivel académico ao exixido para o ingreso.
As listas coa relación definitiva de admitidos e excluídos, así como os dos exentos en non exentos da realización do exercicio de lingua galega, poden consultarse na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). Ademais o estado da solicitude pode ser consultado por cada aspirante no seu expediente profesional electrónico en Fides/expedient-e/sección de procesos.
- Te recomendamos -