Ambas as ordes suman un total de 14 millóns de euros destinados a mellorar a calidade de vida da cidadanía galega mediante actuacións nos seus concellos
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe dúas ordes de axudas da Vicepresidencia destinadas ás entidades locais. Por unha banda, a convocatoria de subvencións do Fondo de Compensación Ambiental e, por outra banda, a Orde de Infraestruturas de uso público.
Tal e como recolle hoxe o DOG, a Orde que establece as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2019, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia, conta para o ano 2019 cun orzamento de 11 millóns de euros.
Está dirixida a que as entidades locais poidan levar a cabo actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do ambiente e reequilibrio territorial. Para poder ser beneficiarios destas subvencións, os concellos, mancomunidades de concellos e consorcios locais de Galicia deben cumprir o requisito de ter remitidas as contas do exercicio orzamentario 2017 ao Consello de Contas de Galicia. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.
A Orde inclúe dúas liñas de subvencións. Por unha banda, a convocatoria de subvencións de natureza non competitiva, destinada a aqueles concellos de Galicia cuxo territorio municipal estea dentro da poligonal de delimitación dun parque eólico e, por outra banda, a convocatoria de subvencións de natureza competitiva, destinada aos concellos de Galicia de maneira individual ou conxunta mediante agrupacións ou asociacións de concellos, así como ás mancomunidades de concellos e aos consorcios locais de Galicia.
Orde de Infraestruturas de uso públicoPara esta orde de axudas, o Goberno galego destina nesta convocatoria 3 millóns de euros, destinadas aos concellos de Galicia, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións de concellos, para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.
Entre as actuacións subvencionables recóllense a instalación, ampliación ou mellora das redes de luz pública; pavimentación de camiños públicos municipais; construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de parques públicos e parques infantís; construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos municipais e/ou dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias; e construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de instalacións deportivas de uso público e/ou dotación de equipamentos das referidas instalacións.
Poderán ser beneficiarios desta subvención aqueles concellos de Galicia, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións, que teñan menos de 30.000 habitantes, ter remitidas as contas do concello correspondentes ao exercicio orzamentario de 2017 ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.
A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.
- Te recomendamos -