Ignacio López-Chaves recorda que este municipio non subscribiu o convenio por vontade propia e traslada aos afectados que a súa integración está en estudo
O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, xunto ao xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, José Luis Díez, recibiron hoxe ao alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, e aos representantes da Asemblea Veciñal por un Transporte Digno, que reclaman a incorporación do municipio ao Plan de Transporte Metropolitano.
Segundo indicou o representante autonómico a incorporación efectiva de Gondomar ao plan atópase nestes intres en estudo, e así llo trasladou aos veciños e ao propio rexedor, ao que lle lembrou que votou ata en dúas ocasión en contra da adhesión en pleno municipal.
López-Chaves xustificou así que Gondomar, que ao votar a andar o Plan de Transporte Metropolitano o 27 de abril de 2015 formaba parte dos 14 concellos que ían subscribir o convenio coa Xunta, quedase excluído. Non obstante, garantiu que se abordará a súa integración cos mesmos criterios cos que a dos 25 municipios que a teñen solicitada a día de hoxe, entre eles varios do sur de Galicia, como Ponteareas. “Estes concellos non entenderían un trato distinto e menos cun municipio que tivo a oportunidade de incorporarse e a rexeitou”, apuntou.
Neste senso, o delegado territorial concretou que a Xunta está a achegar preto de 2 millóns de euros anuais a este plan, financiando o 80% dos descontos, ao que hai que sumar o investimento preciso para financiar a Tarxeta Xente Nova, que fai gratuítas as viaxes aos menores de 19 anos. Pola súa parte, os 12 concellos que conforman a área completan o financiamento, o 20% restante, cunha partida que rolda os 400.000 euros anuais.
Atendendo aos datos recadados no 2017, foron case 2,9 millóns as viaxes realizadas nesta área, o que supón un incremento do 7% respecto ao exercicio anterior. O cómputo global desde a posta en marcha do Plan de Transporte Metropolitano de Vigo eleva a máis de 8 millóns as viaxes bonificadas polo que, segundo precisou, o seu éxito é incuestionable.
Asemade, lembrou o compromiso adquirido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no Debate do Estado da Autonomía, ao afirmar que esta lexislatura será a da gran transformación da mobilidade en Galicia. Así, anunciou que, despois do éxito que supuxo a primeira fase do Plan de transporte público e partindo das leccións que aprendemos daquela, en 2019 vaise implantar a súa segunda fase.
A Xunta seguirá apostando no eido do transporte público por dúas novas modalidades cun gran potencial: o transporte compartido entre viaxeiros e escolares e o transporte a demanda, que xa están a funcionar con éxito.
Unha labor de concienciación que comeza xa cos galegos máis novos. Desde 2016, xa desfrutaban da gratuidade nas liñas de transporte metropolitano, a través da Tarxeta Xente Nova, e o compromiso é estender a gratuidade do autobús a menores de 19 anos ao resto de Galicia e moi especialmente ao rural.
- Te recomendamos -