Inicio Galicia O Consello Galego de Medio Ambiente avalía o anteproxecto da Lei de...

O Consello Galego de Medio Ambiente avalía o anteproxecto da Lei de patrimonio natural tras a incorporación de máis de 600 achegas durante o período de información pública

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presidiu esta mañá a reunión deste órgano consultivo, no que participan representantes de distintos departamentos da Xunta e da sociedade civil implicados na materia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presidiu esta mañá a reunión do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (COGAMADS), un órgano de carácter consultivo en materia medioambiental no que están representados os distintos departamentos da Xunta con competencias neste eido e tamén membros da sociedade civil procedentes dos sectores económico, social, académico e profesional.

O obxectivo da reunión foi coñecer e presentar ante o pleno do COGAMADS o anteproxecto da Lei de Patrimonio Natural de Galicia, un documento que foi enriquecido na fase de información pública coa incorporación de 637 das alegacións recibidas e que está chamado a substituír a Lei de Conservación da Natureza do ano 2001 para adaptar a normativa aos tempos e necesidades actuais, tal e como lembrou Ángeles Vázquez.

Neste sentido, a conselleira explicou que o obxectivo principal da futura lei será garantir unha protección transversal do patrimonio natural galego, integrando este obxectivo prioritario nas distintas políticas sectoriais e fomentando, á vez, os mecanismos e instrumentos de participación da sociedade para implicala na súa consecución.

A necesidade desa participación pública e tamén institucional en materia medioambiental, precisamente, foi un dos valores que subliñou Ángeles Vázquez ao referirse ao traballo do COGAMADS, que actúa como foro consultivo ao servizo da consellería que dirixe.

Por esta razón, o anteproxecto da Lei de Patrimonio Natural foi presentado hoxe ante o pleno deste organismo, como un paso máis previo á súa aprobación. Así, despois de que o texto pasara polo Consello da Xunta o ano pasado e tras someterse a un período de información pública cun alto nivel de participación, durante o que se recibiron máis dun milleiro de alegacións, o seguinte paso será remitilo ao Parlamento no primeiro período de sesións do vindeiro ano 2019.


- Te recomendamos -