O CIAE mellora a operatividade en servizos que pola súa complexidade, como no caso dos incidentes de múltiples vítimas, requiran a intervención de equipos de emerxencia de diferente natureza
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitou hoxe as instalacións que o 061 de Galicia dispón no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) no concello pontevedrés da Estrada. O edificio do CIAE conta nas súas instalacións coa presenza da Axencia Galega de Emerxencias-112, Policía Autonómica e, desde o mes de outubro, Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Co cambio do centro de traballo do 061 de Galicia, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias engloba nun único espazo todos os servizos implicados na atención ás emerxencias e mellora a operatividade na resposta a servizos que pola súa complexidade, como no caso dos incidentes de múltiples vítimas, requiran a intervención de equipos de emerxencia de diferente natureza.
Resposta máis eficaz e sen duplicidadesAdemais, coa centralización dos servizos de emerxencias no CIAE garántese á cidadanía unha resposta máis rápida, eficaz, coordinada e sen duplicidades no momento de determinar que recursos deben intervir en cada lugar e situación de emerxencia.
Facilítase a posta en marcha de gabinetes de crise, de forma inmediata, e a resolución de problemas loxísticos ante aquelas emerxencias que puidesen producirse en calquera punto da Comunidade Autónoma. Un aspecto de especial importancia, nunha Comunidade que conta cunha grande dispersión poboacional e unha meteoroloxía frecuentemente adversa.
A localización do CIAE nas instalacións da Academia Galega de Seguridade Publica (Agasp) permite o adestramento conxunto e a mobilización de recursos de apoio loxístico dos diversos servizos de emerxencia de forma coordinada e inmediata nunhas instalacións modernas, dotadas coas últimas tecnoloxías de informática, localización, seguridade e telecomunicacións.
Por último, o cambio do centro de traballo ao CIAE da Estrada permite que o 061 de Galicia reúna, por primeira vez, as instalacións da Central de Coordinación e as súas oficinas administrativas nun mesmo espazo. Isto é porque desde o inicio da prestación do servizo, no ano 1995, os dous centros de traballo do 061 atopábanse en San Marcos e Conxo respectivamente, ambos os dous no concello de Santiago.
Director do 061Ao remate da visita do titular da carteira sanitaria tivo lugar, nas dependencias do CIAE da Estrada, unha reunión do Padroado da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, xuntanza que estivo presidida polo conselleiro de Sanidade. Na mesma, procedeuse a designar a José Manuel Flores Arias como director xerente da Fundación Urxencias Sanitarias de Galicia-061, en substitución de José Antonio Iglesias Vázquez, en tanto non se resolve definitivamente a ocupación da praza.
A Consellería de Sanidade agradece a dedicación e o traballo realizados por José Antonio Iglesias Vázquez na súa etapa como director xerente da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 durante os últimos nove anos. Iglesias dirixiu e coordinou os operativos sanitarios de urxencias extrahospitalarias en diversos incidentes de múltiples vítimas como o accidente de Angrois; o accidente ferroviario no Porriño; a explosión dun catamarán no Grove e o accidente no festival do Marisquiño en Vigo. Operativos, todos eles, nos que se demostrou a elevada capacidade resolutiva dos profesionais sanitarios que interviron nos mesmos e que recibiron felicitacións a nivel nacional e internacional para explicar os protocolos de actuación e as melloras implantadas a través das leccións aprendidas.
Ademais, trátase dun período na que a profesionalidade e o esforzo dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiron, baixo a dirección de Iglesias Vázquez, non só o recoñecemento das institucións coa entrega da Medalla de Ouro de Galicia no ano 2014, senón, tamén, o da cidadanía como o servizo sanitario galego cos máis elevados índices de satisfacción entre os seus usuarios.
José Manuel Flores Arias, ocupaba, dende 2017, o posto de director asistencial desta institución. O doutor Flores, que é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago, con premio extraordinario de licenciatura, é médico especialista en Medicina Familiar e Comunitaria, ocupando, na súa traxectoria profesional diversos postos dentro do 061. Así, foi médico coordinador desta institución xa en 1999, e posteriormente, no 2000, xefe de sala. No 2004 pasou a desenvolver o posto de subdirector asistencial, e entre 2005 e 2008 foi médico das bases medicalizadas do 061 de Ferrol, Santiago e Pontevedra. Entre 2008 e 2017 ocupou o posto de xefe da base medicalizada do 061 en Pontevedra. Na súa longa traxectoria profesional tamén foi médico de urxencias no Hospital de Montecelo, no Provincial de Pontevedra, no Hospital do Salnés e no Punto de Atención Continuada de Santiago.
- Te recomendamos -