Jesús Vázquez Almuiña sinala que o novo equipo, en fase de instalación e calibraxe, conta cos máis avanzados sistemas para realizar estudos complexos outorgando tamén un maior confort ao paciente
Pontevedra, 16 de novembro de 2018.- O conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez Almuiña, supervisou hoxe, no Hospital Montecelo, a fase final de remodelación de espazos que dotará, a principios do vindeiro ano, a este hospital da EOXI de Pontevedra e O Salnés cunha segunda Resonancia Magnética, que funcionará de xeito simultáneo coa unidade de radiodiagnóstico xa operativa no centro.
O titular de Sanidade, que estivo acompañado polo xerente da EOXI de Pontevedra e O Salnés, Jose Ramón Gómez Fernández xunto con outros responsables sanitarios do Sergas, destacou que esta nova aparataxe de radiodiagnóstico -actualmente en fase final de instalación e calibraxe dentro do centro hospitalario pontevedrés- posúe os máis avanzados sistemas de imaxe para a realización dos estudos máis complexos.
Así mesmo, dispón da última tecnoloxía en antenas dixitais que, ao dixitalizar o sinal na propia antena, mellora nun 40% a relación sinal/ruído eléctrico, o que proporciona unha mellor calidade de imaxe, diagnósticos máis precisos e estudos máis rápidos.
Esta nova Resonancia Magnética tamén está dotada cun imán de última xeración máis curto, para reducir a sensación de claustrofobia e mellorar o confort do paciente. Ademais, conta cun avanzado sistema de redución de ruído acústico, un sistema de guiado ao paciente por voz, a través do que se indicará ao usuario as fases do estudo e as pautas a seguir durante a proba.
No transcurso da visita técnica de hoxe no hospital Montecelo, o conselleiro de Sanidade tamén comprobou a dotación de ferramentas avanzadas de software da nova Resonancia Magnética, que lle permitirá reducir os artefactos producidos por movementos do paciente, evitando así a repetición de probas a posteriori.
Importante investimento público do SergasAlmuiña subliñou o importante investimento público do Sergas, que supera os 490.000 euros para a obra de instalación desta nova unidade.
Ao anterior investimento engádese o correspondente ao novo equipo de resonancia magnética, que a Administración Sanitaria Pública galega xestiona a través da figura contractual do Socio Tecnolóxico, e que supera os 900.000 euros.
Cómpre sinalar que, unha vez remate a actual instalación do novo equipo e a proba de aplicacións, se procederá a executar a seguinte fase de remodelación de espazos en Montecelo, na que a EOXI de Pontevedra e O Salnés contempla o acondicionamento da sala de informes, así como a completa renovación da sala da actual Resonancia Magnética.
Para poder levar a cabo dita nova fase, a actividade radiodiagnóstica deberá parar nesta sala namentres se executan as actuacións correspondentes, polo que as probas previstas se realizarán co novo equipo na sala colindante.
En calquera caso, a partir dos primeiros días do vindeiro mes de xaneiro de 2019, o Hospital Montecelo contará con dúas resonancias magnéticas totalmente operativas.
- Te recomendamos -