O titular de Cultura chamou a atención sobre a necesidade de informar puntualmente “como exercicio de transparencia” e explicou que, en breve, se acometerá unha obra de peche provisional do Pórtico da Gloria para protexelo do resto de actuacións que se abordarán no interior do templo
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, explicaron hoxe en rolda de prensa os últimos avances das intervencións realizadas na Catedral de Santiago e a necesidade de acometer un peche provisional do espazo onde se atopa o Pórtico da Gloria pola execución das obras de restauración dos paramentos interiores e das bóvedas.
Rodríguez lembrou que, ao abeiro do convenio entre o Ministerio de Hacienda, a Consellería de Cultura e Educación, o Cabido do Conxunto Catedralicio e a Fundación Catedral estase a traballar cun investimento de 17 millóns de euros para chegar ao 1 de xaneiro de 2021 nas mellores condicións para celebrar vindeiro Xacobeo. E destacou que “coas obras que está previsto licitar no 3º trimestre deste ano, estarán contratadas actuacións por máis de 11.700.000 euros, o que comportará un 70% de execución prevista” o que supón, en palabras de Román Rodríguez, “que se avanza a un ritmo razoablemente satisfactorio”.
En concreto, no terceiro trimestre de 2018 está previsto licitar a restauración dos paramentos verticais da xirola e dos paramentos interiores e bóvedas da nave central, transepto, naves laterais e triforio; a actuación nas cubertas do templo, que inclúen a nave principal e o cruceiro; a restauración da fachada sur e oriental do claustro, da torre do tesouro e das cubertas da devandita ala oriental do claustro; e, finalmente, a restauración das cubertas da ala norte do espazo claustral.
Ao respecto das obras de rehabilitación da Catedral, o titular de Cultura explicou que desde o principio, a Fundación Catedral e a Xunta de Galicia pensamos que era necesario informar e explicar os pasos que se ían dando durante esta posta a punto da basílica compostelá. “Entendemos ?en palabras de Rodríguez? que este era un camiño que debíamos compartir coa cidadanía galega.” E afirmou que, desde o punto de vista da xestión do Patrimonio, a Fundación Catedral de Santiago é, en moitos aspectos, un referente tanto no ámbito nacional como internacional.
Román Rodríguez lembrou a importancia da conciencia cívica no uso e desfrute do Patrimonio. Neste sentido, concluíu afirmando que “respectando e coidando o patrimonio, respectámonos e coidámonos a nós mesmos.”
- Te recomendamos -