Inicio Galicia O Comité Internacional de expertos do Camiño de Santiago debate mañá a...

O Comité Internacional de expertos do Camiño de Santiago debate mañá a súa programación de cara ao Xacobeo 2021

0

Composto na actualidade por recoñecidos estudosos de distintos países, o órgano asesor da Xunta de Galicia reunirase no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino para facer balance da súa actividade e avanzar nas accións futuras

O Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago reunirase mañá no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino, en Santiago de Compostela, para facer balance das súas actividades e avanzar nas futuras. Durante a reunión – na que estarán presentes a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, e o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, na súa condición de secretario do Comité- os actuais integrantes avanzarán sobre as accións a realizar de cara á celebración do Xacobeo 2021 para afondar no coñecemento dos valores que identifican e singularizan ao Camiño de Santiago, promovendo actividades de debate científico arredor da peregrinación xacobea.

Composto por recoñecidos estudosos de distintos países, este ente está a reforzar o seu recoñecemento internacional tras incorporarse como Comité Científico pola Federación Europea do Camiño de Santiago e ser designado órgano asesor da Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións da Universidade de Santiago de Compostela. Unha dimensión internacional que foi reforzada coa súa anterior reunión o pasado mes de marzo en Coimbra, onde se organizou un acto na universidade desta cidade portuguesa para a difusión do Camiño de Santiago e os valores da cultura xacobea en Portugal. Trátase dunha liña de traballo coa que está previsto continuar nos vindeiros anos.

Ao abeiro do Plan director do Camiño de Santiago, que recolle a necesidade de afondar na internacionalización da súa actividade- o Comité leva asesorando á Xunta de Galicia nos temas relacionados co Camiño de Santiago e a peregrinación xacobea desde o ano 1993. Coas accións previstas no Plan, ten consolidado as súas actividades coa recuperación dos Congresos Internacionais de Estudos Xacobeos e de xornadas específicas. Tamén edita a revista Ad Limina, de estudos sobre a ruta e as peregrinacións. Tamén edita a revista Ad Limina, de estudos sobre a ruta e as peregrinacións, da que se presentará o noveno volume durante a xuntanza de mañá e se avanzarán os contidos do seguinte número.

Académicos e peregrinosO traballo do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago destaca, ademais, pola promoción que os seus membros desenvolveron nos seus respectivos países, difundindo as publicacións científicas da Xunta, dirixindo revistas, teses e investigacións sobre o fenómeno xacobeo no seu territorio. Tamén é importante a creación e mantemento de centros de estudos xacobeos no estranxeiro, como o Centre d’Etudes Compostellanes de París ou o Centro Italiano di Studi Compostellani di Perugia e o feito de que varios dos seus membros unen a súa condición académica coa súa condición de peregrinos, cun intenso traballo no movemento asociativo vinculado ao Camiño de Santiago.

Na actualidade, o Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago está presidido por Paolo Caucci Von Saucken, profesor da Universitá degli Studi di Perugia e os seus membros son Manuel Castiñeiras González, catedrático da Universidade Autónoma de Barcelona; Klaus Herbers, profesor da Friedrich-Alexander-Universitat Erlangen Nürberg; Adeline Rucquoi, directora de Investigación no Centro Nacional de Investigacións Científicas de Francia; Segundo Pérez López, deán da Catedral de Santiago e profesor do Centro Agregado Teolóxico de Santiago de Compostela e María José Azevedo Santos, catedrática da Facultade de Letras de Coímbra e Fernando López Alsina, catedrático de Historia Medieval da Universidade de Santiago de Compostela.  


- Te recomendamos -