O secretario xeral de Política Lingüística participou na presentación desta obra de Xosé Constenla, gañadora da XVII edición do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio
Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, participou este serán na presentación de O colapso territorial en Galiza, do xeógrafo Xosé Constenla, que se celebrou na compostelá Libraría Couceiro. A obra, que publica a Editorial Galaxia, foi a gañadora da XVII edición do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio que convocan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Galaxia coa colaboración de Gas Natural Fenosa.
Valentín García valorou o feito de que, do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, “se deriven publicacións de temas de actualidade que se analizan desde os máis diversos puntos de vista e campos do saber para contribuír a termos unha visión crítica da realidade que nos rodea; unha visión que, con seguridade, sería do agrado do filósofo que lle dá nome ao galardón”. “Esta volta”, explicou o secretario xeral, “volvemos ao ámbito da xeografía e, máis concretamente, da ordenación do territorio, cunha obra que, a pesar do título, non é pesimista, senón que entende o colapso e a crise como unha oportunidade”.
Ademais de Valentín García acompañaron a Xosé Constenla na presentación do seu libro o decano da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago (USC), Francisco R. Durán; a responsable de Relacións Institucionais e Comunicación de Gas Natural Fenosa en Galicia, Amalia Baltar, e o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro.
Agresións ao medio, cuestión demográfica e urbanizaciónO colapso territorial en Galiza é un tratado de xeografía entendida como ciencia social portadora dunha ferramenta de extraordinario poder analítico: o espazo. O obxectivo do autor é poñer o espazo en primeiro lugar na lóxica interpretativa da sociedade para transcender anteriores lecturas exclusivamente económicas e sociolóxicas e para ampliar esa ollada que entende o territorio como simple escenario. Nesta obra, o espazo permite analizar tres aspectos fundamentais: as agresións ao medio natural e patrimonial, a cuestión demográfica a carón do desequilibrio na distribución da poboación e a cidade cos procesos de urbanización.
Profesor e xeógrafoXosé Constenla Vega (Santiago de Comopostela, 1980) licenciouse e doutorouse en Xeografía na USC. Foi profesor na Universidade da Coruña e na Carlos III de Madrid, investigador no Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e xeógrafo na Área de Urbanismo e Ordenación do Territorio de IDOM. Na actualidade, é profesor de Didáctica das Ciencia Sociais na Universidade de Vigo e de Xeografía Humana na de León. Publicou numerosos artigos en revistas científicas no eido da Xeografía e das Ciencias Sociais, así como a monografía (Re)Imaxinando o universo urbano. De Baltimore a Santiago de Compostela.
XVII edicións do Ramón Piñeiro de EnsaioCo ensaio hoxe presentado, son xa dezasete as obras galardoadas co Premio Ramón Piñeiro que saíron do prelo nos últimos anos: A submisión das masas, de Basilio Lourenço Fondevila; Tempo de vinganza, de Anxo A. Rei Ballesteros; A terra quere pobo, de Xosé Luís Barreiro Rivas; Outro idioma é posible, de Teresa Moure; O suxeito posmoderno, de Rebeca Baceiredo; Piscopatoloxía do retorno, de Ramón Area Carracedo e Alexandre García-Caballero; Paisaxe e nación, de María López Sández; Un longo e tortuoso camiño, de Xosé Ramón Quintana Garrido; Domingos de calcetíns brancos, de Manuel Pérez Rúa; A arte do imposible, de Ramón Máiz; Queer-emos un mundo novo, de Teresa Moure; Para que nos serve Galiza?, de Xaime Subiela; Da natureza de escritores, artistas e vermes, de José María Durán Medraño; Barthes filósofo, de Luís García Soto; De camiños, viaxeiros e camiñantes, de Santiago Lamas e Alfonso Mato; Mariña, de deusa a santa, de Rafael Quintía Pereira, e O colapso editorial en Galiza, de Xosé Constenla Vega.
- Te recomendamos -