Inicio Galicia O ciclo ?Cultura no Camiño? remata esta fin de semana coas últimas...

O ciclo ?Cultura no Camiño? remata esta fin de semana coas últimas 12 actuacións das 340 programadas en 2018

0

A Xunta organiza este programa a través da Agadic e Turismo de Galicia, co patrocinio de Gadis e en colaboración cos 103 concellos das rutas xacobeas asociados este ano


A sexta edición do ciclo Cultura no Camiño conclúe esta fin de semana coas últimas 12 actuacións das 340 ofrecidas desde mediados do pasado mes de abril. A Xunta de Galicia organiza este programa escénico e musical a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia, co patrocinio de Gadis e en colaboración cos 103 concellos asociados este ano.

Doce destes municipios acollerán desde mañá e ata o domingo as últimas funcións desta edición, que conforman unha oferta cultural para todos os públicos. Así, mañá actuarán Baobab Teatro con Pum pum! en Vilasantar (12,00 h. no CEIP de Présaras), Volta e Dálle Teatro con Falar por falar en Mazaricos (13,00 h. na Casa da Cultura) e o Mago Noel con Que curisoso! en San Cibrao das Viñas (18,00 h. no Polideportivo).

A actividade do sábado arrancará coa montaxe para público familiar Zapatos de Caramuxo Teatro na Guarda (18,00 h. no Centro Cultural) e incluirá outras catro propostas: Ahora, do Mago Rafa, na Couña (19,00 h. no Fórum Metropolitano); Maxia pola igualdade, de Fani Triana Ilusionista, en Catoira (19,30 h. no Auditorio Municipal); Os mellores monólogos, de Carlos Blanco, en Lourenzá (20,30 h. na Casa da Cultura); e Fillos do Sol, de Contraproducións, en Silleda (21,00 h. no Auditorio Manuel Dopazo de Bandeira).

O domingo terán lugar as últimas catro citas de Cultura no Camiño 2018, que chega á súa fin cos espectáculos Roedores, de Redrum Teatro, en Boqueixón (18,00 h. na Casa da Cultura de Camporrapado) e Os fabulosos Cleaners de Malasombra Producións en Caldas de Reis (18,30 h. no Auditorio Municipal), mais os concertos de Magín Blanco en Neda (18,30 h. na Casa da Cultura) e Treixadura en Valga (19,00 h. no Auditorio Municipal).

Máis de 140 compañías en cartelEsta sexta edición do ciclo mantivo como obxectivo enriquecer e descentralizar a oferta cultural galega, así como dinamizar a contratación dos espectáculos de teatro, música, maxia, novo circo e danza producidos en Galicia de xeito profesional. De feito, este ano foron 142 as formacións artísticas en cartel, cifra moi superior á das 56 compañías coas que esta iniciativa se puxo en marcha en 2013.

A programación desenvolveuse nos meses centrais do ano para coincidir co período de maior auxe das peregrinacións e, deste xeito, contribuír tamén a enriquecer o programa turístico dos concellos participantes. Para conseguilo, Cultura no Camiño contou en 2018 cun investimento de 570.600 euros, asumido pola Xunta de Galicia e mais os concellos participantes, que costean parte dos cachés artísticos.

O calendario de actuacións está dispoñible para a súa consulta no web da Agadic, así como na sección de axenda da páxina de Cultura da Xunta de Galicia.


- Te recomendamos -