O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu esta semana a reunión do padroado da fundación Centro Tecnolóxico da Carne (Ceteca), onde se deron a coñecer as liñas de actuación do próximo exercicio e se fixo balance do segundo semestre do ano 2018. Alí, José González destacou os 2,7 millóns de euros que este centro, dependente da consellería, investirá en proxectos de I+D+i no 2019.
Así, cúmprense cos obxectivos do Plan Estratéxico de Galicia no eixo da empregabilidade e do crecemento intelixente, que busca impulsar e consolidar as políticas vencelladas á investigación para integrar a Galicia no círculo virtuoso da innovación para o crecemento.
Este importe orzamentario tradúcese nunha importante actividade do Ceteca, que poderá desenvolver un elevado número de proxectos nos vindeiros 12 meses. En concreto, o Centro Tecnolóxico da Carne ten previsto participar en, polo menos, 57 iniciativas de cooperación con empresas e outras entidades do sector agroalimentario.
No que respecta ao exercicio que remata, só no segundo semestre do ano desenvolvéronse 63 proxectos de I+D+i, case todos colaborativos con empresas e outras entidades do sector agroalimentario, cun investimento global mobilizado de case 22,5 millóns de euros.
A maioría dos proxectos de I+D+i nos que participa o Centro Tecnolóxico da Carne proveñen da participación en convocatorias de carácter autonómico (da Consellería do Medio Rural e da Axencia Galega de Innovación), nacional (do Instituto Nacional de Investigación y Tecnología Agraria y Alimentaria – INIA, da Agencia Estatal de Investigación – AEI, do Ministerio de Economía y Competitividad – Mineco, do Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial – CDTI e do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación – Mapa) e outros de carácter internacional.
- Te recomendamos -