A ONG, que conta coa súa sede en Galicia no Viveiro de empresas do Gaiás, presenta resultados e experiencias en primeira persoa do seu ‘Vives Proxecto’
A Cidade da Cultura acolleu hoxe a xornada ‘Cultivando o emprego, semente para a inclusión’, promovida pola entidade Acción contra el Hambre. Concibido como un encontro dinámico e participativo, o evento afondou no impacto das iniciativas de emprendemento e procura de emprego na inclusión social, analizando experiencias en primeira persoa do ‘Vives Proxecto’ (Vives Proyecto), desenvolvido en Galicia por esta ONG para apoiar a persoas desempregadas ou en situación de inestabilidade laboral.
Durante a xornada foi presentado un balance desta iniciativa, como resultado da cal 112 persoas accederon a un posto de traballo e outras 22 crearon o seu propio negocio en Galicia desde 2016. Esta liña de intervención de Acción contra el Hambre apoiou ata a data a 571 persoas en situación de desemprego ou inestabilidade laboral na mellora das súas competencias para a procura de emprego ou o emprendemento.
O acto contou coa participación da secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, os concelleiros de Benestar de Teo e Vilagarcía de Arousa, Ignacio Iglesias e Tania García; e a representante do programa Woman Emprende da USC, Eva López, entre outras personalidades. Na apertura da xornada interveu tamén a responsable do Centro de Emprendemento do Gaiás, Berta Álvarez-Buylla.
Apoio ao emprendemento e á inserción sociolaboralAcción contra el Hambre, que conta coa súa sede en Galicia no Viveiro de empresas do Gaiás, organiza esta xornada tras dous anos de presenza na comunidade, co obxectivo de dar a coñecer os programas que está a desenvolver e os seus resultados, así como compartir experiencias e impresión e analizar posibilidades de transferencia.
Concretamente no programa ‘Vives Emprega’ (Vives Emplea) -destinado a mellorar competencias profesionais e capacidades na procura activa de emprego- participaron 335 persoas, das que un 40% atópase xa traballando. No campo do autoemprego, a ONG desenvolve os programas ‘Vives Emprende’ e ‘Anima Galicia’, cos que apoia as persoas emprendedoras para pór en marcha os seus negocios. Das 236 persoas que teñen participado no programa en Galicia, 22 teñen xa a súa empresa en marcha.
O programa da xornada ‘Cultivando o emprego, semente para a inclusión’ incluíu varias mesas redondas sobre temas como a responsabilidade social empresarial na inclusión sociolaboral ou emprendemento feminino. Tamén se programaron cinco obradoiros simultáneos, destinados aos participantes do ‘Vives Proxecto’, dirixidos a complementar a súa formación en aspectos como networking, habilidades para a inserción sociolaboral, procesos de selección de persoal ou estratexias de diferenciación no mercado laboral. En total, máis dun cento de persoas participaron neste encontro no Gaiás.
Cidade da Cultura e o emprendementoO emprendemento é, xunto coa tecnoloxía e a cultura, un dos tres eixos de acción nos que opera a Cidade da Cultura. Con iniciativas coma esta, o Centro de Emprendemento do Gaiás continúa a consolidarse como o maior de Galicia tanto por número de empresas e emprendedores residentes como por cantidade de programación. Neste sentido, o Gaiás desenvolve unha ampla programación anual que ten por obxecto estimular o talento e crear cultura emprendedora en Galicia, xa sexa a través de accións formativas ou eventos, como os Premios Gaiás Sixto Seco, que nos vindeiros meses convocarán a súa sexta edición para recoñecer e apoiar os mellores proxectos do ámbito cultural.
O Gaiás acolle tamén o 24 e 25 de maio unha nova edición das xornadas de innovación educativa inquEDU, así como a Maker Faire Galicia, a maior feira de inventores do mundo, que o ano pasado na súa primeira edición congregou a máis de 10.000 visitantes. No que vai de ano, cerca dun milleiro de persoas participaron xa nas distintas accións formativas e eventos do CEM, citas como Atlantic Emprende + Gaiás, encontros destinados a emprendedores, profesionais, estudantes e empresas do sector musical que reuniron no complexo a uns 300 asistentes, ou CreaGaiás, xornada destinada ao emprendemento nas industrias creativas e culturais.
- Te recomendamos -