Inicio Galicia O Centro Coreográfico Galego organiza mañá na Coruña unha mostra de danza...

O Centro Coreográfico Galego organiza mañá na Coruña unha mostra de danza co alumnado dos seus cursos de verán

0

Sesenta dos estudantes que participaron nos sete obradoiros desenvolvidos desde mediados de xullo actuarán nesta gala, de entrada gratuíta, que terá lugar ás 18,00 h no Centro Ágora


O Centro Coreográfico Galego (CCG) compartirá co público unha mostra de danza protagonizada polo alumnado dos seus cursos de verán, que rematan hoxe mesmo na súa sede da Coruña. A gala, de entrada libre, terá lugar mañá sábado, ás 18,00 h., no Centro Ágora da cidade.

Nela, 60 dos estudantes matriculados neste programa formativo da unidade de danza da Consellería de Cultura e Educación interpretarán unha montaxe de pezas a partir do traballo desenvolvido desde mediados de xullo nos sete obradoiros de danza contemporánea, clásica e comedia musical impartidos polos mestres Pino Alosa, Dana Raz, Virginia Valero, Mikel Aristegui, Gonzalo Zaragoza, Ángela Rodríguez, Víctor Ullate Roche e Ana Alcázar, todos eles recoñecidos profesionais no seu ámbito.

Así, por exemplo, o alumnado de danza clásica exhibirá todo o aprendido sobre técnica clásica, puntas e paso a dous xunto a Pino Alosa, director artístico adxunto e mestre repetidor da Compañía Nacional de Danza; Virginia Valero, profesora de Metodoloxía e Didáctica da Danza Clásica no Conservatorio Superior María de Ávila de Madrid, do que foi directora; e Gonzalo Zaragoza, xefe de estudos do devandito centro.

Pola súa banda, Dana Raz, coreógrafa e bailarina israelí; Mikel Aristegui, coreógrafo cunha ampla experiencia pedagóxica en artes escénicas; e Ángela Rodríguez, tamén profesora do María de Ávila, encargáronse dos tres encontros de danza contemporánea. Parte das pezas traballadas con eles incorporáronse igualmente á mostra pública de mañá.

Nesta gala de clausura dos cursos de verán do Centro Coreográfico Galego, actuarán igualmente os estudantes que participaron esta semana no obradoiro de comedia musical xunto aos mestres Víctor Ullate Roche (interpretación) e Ana Alcázar (danza-jazz). Neste caso, representarán un fragmento do musical Cats, así como varias pezas de jazz. 


- Te recomendamos -