A final do concurso, organizado pola Consellería de Medio Ambiente co fin de difundir os valores do patrimonio natural de Galicia a través da música, celebrouse esta tarde no marco da Feira de Caza, Pesca e Natureza de Silleda
Dous grupos de alumnos do CEIP Otero Novas de Cortegada e do CEIP Camiño Inglés de Oroso resultaron gañadores do I Certame de Canción sobre a Natureza: Operación Natureza organizado pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio co fin de promover, difundir e fomentar os valores do patrimonio natural de Galicia a través da creatividade musical.
A final do concurso tivo lugar esta tarde no marco da Feira de Caza, Pesca e Natureza que se celebra desde o xoves en Silleda e durante a cal a Dirección Xeral de Patrimonio Natural contou co seu propio espazo adicado á promoción e divulgación dos valores naturais de Galicia a través dunha serie de actividades de educación ambiental dirixidas aos nenos. Hoxe, coincidindo coa clausura deste evento, a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz López, visitou o espazo.
Os rapaces dos tres colexios que chegaron á fase final do certame Operación Natureza interpretaron en directo as súas cancións, que teñen como elemento en común a posta en valor e a necesidade de preservar o patrimonio natural da comunidade autónoma.
O xurado, composto por representantes da consellería e do Conservatorio de Música de Santiago, recoñeceu co premio á mellor canción a Os Cortegados, do CEIP Otero Novas de Cortegada, polo tema Quero ser unha árbore; o premio á mellor interpretación e posta en escena recaeu sobre o grupo Pinteband, do CEIP Camiño Inglés de Oroso, pola canción Moito máis do que ves; e finalmente o accesit foi para Os 13 de Montesino, do CEIP Santiago Apóstol de Soutomaior, que participou co tema Temos que coidar da natureza.
Todos os membros dos grupos gañadores nas categorías de mellor canción e mellor interpretación recibiron unha viaxe ao Parque Nacional das Illas Atlánticas en compañía dos seus mestres, mentres que os alumnos do centro que levou o accesit foron premiados cun lote de libros. En total, medio cento de rapaces resultaron galardoados nesta primeira edición dun concurso co que a Consellería de Medio Ambiente busca promover os valores naturais de Galicia a través da música e a implicación dos centros educativos.
- Te recomendamos -