Inicio Galicia o CDTIC virtual da Amtega amplía a súa oferta de aplicacións libres...

o CDTIC virtual da Amtega amplía a súa oferta de aplicacións libres cunha nova solución para a xestión empresarial

0

O Centro Demostrador TIC pon a disposición das empresas usuarias a aplicación FacturaScripts, unha solución de planificación de recursos empresariais e de administración da relación cos clientes para que poidan probala e coñecer as súas características


O Centro Demostrador TIC da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) amplía a súa listaxe de ferramentas informáticas no CDTIC Virtual coa inclusión de FacturaScripts.

Esta nova solución do CDTIC Virtual (https://www.mancomun.gal/solucion-tic/facturascripts/) está deseñada para axudar aos usuarios na planificación de recursos empresariais e na administración da relación cos clientes.

Entre as funcionalidades máis destacadas desta aplicación atópanse a capacidade de engadir, segundo estamos a crear unha factura ou un albará, clientes á nosa lista, produtos ao noso catálogo e mesmo xerar asentos contables; a realización de cálculos automáticos de prezos e custos de venda; ou a capacidade de xerar orzamentos que posteriormente se poden converter en pedidos, albarás e/ou facturas. Trátase dunha ferramenta completamente accesible dende calquera dispositivo que teña un navegador web que conta tamén cun amplo catálogo de plugins e unha activa comunidade de colaboradores.

Centro Demostrador TIC VirtualO CDTIC Virtual (https://cdtic.xunta.gal/cdtic-virtual), posto en marcha polo Centro Demostrador TIC, constitúe un servizo no que empresas, organizacións e persoas usuarias poden probar e avaliar distintas aplicacións en software libre a través dun servizo na nube nun contorno privado, sen necesidade de dispoñer de recursos informáticos propios ou de persoal con coñecementos avanzados de sistemas.

Na actualidade, as solucións dispoñibles no CDTIC Virtual son Zabbix, unha ferramenta de software libre para seguimento de equipos e redes; Nextcloud, un servizo para compartir arquivos na nube; Odoo, un ERP para a xestión integral dunha empresa; CiviCRM, un software de xestión de relacións con clientes (CRM) orientado ao seu uso por parte de organizacións que traballan no eido social; PrestaShop, unha plataforma web de comercio electrónico (e-commerce); Alfresco, un software de xestión documental profesional; e Tenda en liña con WordPress, unha ferramenta ideal para comercios cun catálogo pequeno, unha opción moito máis eficaz e funcional que outras alternativas no mercado para este tipo de negocios.

As persoas interesadas en solicitar a avaliación dunha das aplicacións dispoñibles non teñen máis que rexistrarse como empresas e profesionais na web do CDTIC e posteriormente solicitar a aplicación ou as aplicacións que sexan do seu interese. Ata o momento xa o fixeron máis de 100 empresas usuarias do CDTIC Virtual. 


- Te recomendamos -