Inicio Galicia O CDTIC da Amtega organiza o día 30 unha sesión en streaming...

O CDTIC da Amtega organiza o día 30 unha sesión en streaming sobre os ERP nas empresas e as axudas públicas para implantalos

0

Trátase da segunda #DemosXweb deste ano, xornadas que se retransmiten exclusivamente online e que quedan gravadas na web para consultar en calquera momento

O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia organiza unha nova sesión en formato #DemosXweb baixo o título “Aproveitando as novas subvencións para mellorar o ERP da empresa” (https://cdtic.xunta.gal/subvencions-ERP), que se poderá seguir exclusivamente por internet de 9:30 a 10:15.

A sesión mostrará os beneficios dun ERP como sistema de información clave que reúne a información principal da empresa e as oportunidades que supoñen as subvencións do Igape, Deputacións e Cámaras de Comercio para actualizar este software. Durante a retransmisión as persoas que sigan a sesión poderán preguntar en directo as dúbidas que lles xurdan da exposición.

Alejandro Castro, de Esquío Enxeñería, estará a cargo desta actividade, dirixida a xerentes, responsables e persoal técnico de todas as áreas e de calquera sector que desexen mellorar a produtividade das súas empresas. Para participar nela cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.gal/) ou a través da súa aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS.#DemosXweb, novo formato de sesións demostradoras organizadas polo CDTICAs sesións demostradoras retransmitidas en exclusiva por streaming (#DemosXweb) son unha nova modalidade para este ano e contan con múltiples vantaxes. Son sesións breves que, ao seguirse por internet, evitan os desprazamentos. Ademais, quedan gravadas na web do CDTIC, polo que as persoas interesadas poden visualizalas con posterioridade en calquera momento.

Proba do seu interese, é o éxito da anterior demostración, “Novidades do regulamento de protección de datos para a empresa”, retransmitida o pasado mes de abril e que pode verse na seguinte ligazón: https://cdtic.xunta.gal/adenda. Seguírona por streaming en directo arredor de 60 persoas e chegou ás 240 visualizacións posteriores.

O CDTIC ten previstas máis sesións con este formato, aproximadamente, unha ao mes, sobre o uso profesional de WhatsApp, a xestión dun proxecto de construción con BIM etc.

Centro Demostrador TICO CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. Así, a través de distintos servizos e actividades, o CDTIC amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.


- Te recomendamos -