Inicio Galicia O catálogo da exposición ?Como me presento?? constitúe ?unha ferramenta útil? para...

O catálogo da exposición ?Como me presento?? constitúe ?unha ferramenta útil? para avanzar na inclusión de persoas con TEA

0

A exposición, que se inaugurou en Vigo o pasado mes de xuño, pode verse na sede de Afundación na Coruña ata o 28 deste mes de xullo

O catálogo da exposición Como me presento? 17 encontros fotográficos para recoñecerse nas persoas con TEA, que se presentou esta mañá na sede de Afundación da Coruña, constitúe “unha ferramenta útil para ir avanzando no traballo a prol da inclusión e cara a un desenvolvemento social igualitario para todas as persoas e colectivos en situación de vulnerabilidade”, segundo explicou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

A mostra, que se inaugurou o pasado mes de xuño en Vigo, pode verse na Coruña ata o vindeiro 28 de xullo e é un proxecto de creación visual do colectivo de fotógrafos La Diapo, formado por Esteban Delaiglesia e Manu Suárez. Ambos os autores acompañaron o secretario xeral de Cultura durante o acto de presentación do catálogo, no que tamén estiveron presentes a comisaria do proxecto, Monse Cea, e María Teresa Cores, coordinadora da área de Cultura de Afundación.

O catálogo recolle “o espírito que deu lugar á exposición, atopar un xeito diferente de sensibilizar a sociedade das circunstancias deste colectivo e, ao mesmo tempo, de favorecer a súa incorporación ao mundo da cultura, non só como espectadores, senón formando parte dela, como actores e creadores”, explicou Anxo Lorenzo durante o transcurso da presentación, onde puxo en valor que a mostra convida a descubrir o colectivo de persoas con Trastorno do Espectro Autista, promovendo o seu coñecemento a través das fotografías.

A publicación reflicte o sentido da mostra, “retratos sen artificio, que recollen ás persoas fotografadas como tal, como persoas”, destacou o secretario xeral de Cultura. E faino en espazos nos que se relacionan socialmente, como centros de arte, teatros, centros de investigación, que permiten concentrarse no importante: facilitar un encontro entre persoas descoñecidas a través do feito fotográfico, “lonxe dos ámbitos terapéutico, familiar ou educativo, aos que a imaxe pública destas persoas adoita ir asociada”.

Segundo afirmou Anxo Lorenzo, “para a Secretaría Xeral de Cultura é unha honra colaborar con este catálogo, que contribúe á inclusión no mundo da cultura das persoas diversas”.

Como me presento? é unha mostra de arte contemporánea, comisariada por Monse Cea, que documenta, mediante retratos, 17 encontros entre persoas con TEA, invisibles pola súa diferenza, e personalidades destacadas da sociedade galega, como Luis Tosar, Sés, Ángel Carracedo ou Pepe Solla.


- Te recomendamos -