O delegado territorial, José Manuel Balseiro, acompañado da alcaldesa da localidade, Elena Candia, visitaron as obras nas que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda inviste preto de 400.000 euros
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda está a executar as obras de remodelación do edificio emprazado nos números 26-28 da praza dos Muíños de Mondoñedo que, unha vez rematadas, permitirán dispoñer de dúas vivendas de promoción pública de catro e tres dormitorios respectivamente.
O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, acompañado da alcaldesa da localidade, Elena Candia, e de técnicos do Instituto Galego de Vivenda e Solo, supervisaron a marcha destas obras que poderían estar rematadas neste verán.
O Goberno galego destina para este fin un orzamento de preto de 400.000 euros que fará posible a remodelación integral do actual inmoble respectando –unha vez mellorada- a singularidade da fachada actual, construída en recebado de cal sobre pedra e formigón.
Entre as características construtivas do proxecto destaca tamén as fiestras exteriores de madeira de castaño ou pino, pavimentos interiores de baldosa de gres e tarima de madeira de carballo e cuberta de lousa con cravos de aceiro.
Balseiro lembrou que, con esta actuación, conseguimos dous obxectivos: por unha banda, incrementar a oferta de vivendas a prezos accesibles grazas aos dous inmobles resultantes tras a obra e, en segundo lugar, a posta en valor dun espazo público no barrio dos Muíños, un dos máis singulares da localidade.
Dáse a circunstancia ademais de que a administración autonómica e local están a realizar un importante esforzo conxunto na rehabilitación deste barrio, e colaboran no impulso dun paquete de medias que van desde a promoción de espazos para manter e incrementar os negocios de artesanía e alimentación característicos desta zona, como na rehabilitación de rúas, prazas ou na posta en valor desde o punto de vista turístico dun espazo singular que se caracteriza polas canles fluviais que o percorren.
Novas demandas de artesánsPola súa banda, a alcaldesa, Elena Candia, explica que ademais dos locais xa abertos dous artesáns contactaron co Concello para interesarse polas condicións para instalarse no barrio. A rexedora asegura que se trata dunha demanda histórica coa veciñanza do barrio dos Muíños, polo que agradece a implicación da Xunta na súa recuperación. Lamenta que nos oito anos anteriores o Goberno local tivera o barrio esquecido e asegura que seguirá a traballar para devolverlle o dinamismo que sempre debeu ter e para que sexa un lugar de oportunidades.
- Te recomendamos -