Durante as festividades de 2017, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 362 chamadas por accidentes de tráfico que xeraron 288 procesos asistenciais. Atendeuse a 387 persoas, tres das cales faleceron no lugar do sinistro
A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, organismo dependente da Consellería de Sanidade, que coordina e xestiona as urxencias e emerxencias sanitarias na Comunidade Autónoma galega, reitera un ano máis o seu chamamento aos condutores e aos peóns, para que extremen as precaucións nas estradas durante os vindeiros días de festividade.
Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recomenda, ante a previsión dun maior número de desprazamentos, aumentar as medidas de prevención e lembra a conveniencia de empregar os sistemas de seguridade activa, como os cintos, o casco ou as cadeiras infantís. A ausencia destes elementos fai que as lesións sexan moito máis graves en caso de accidente.
A velocidade é outro dos factores que intervén nun accidente a ter en conta polos condutores. É importante que os mesmos se manteñan en condicións óptimas ante os problemas de tráfico que poidan coincidir nestas datas, tales como mal tempo ou tráfico denso. Ademais, débese evitar o consumo de alcohol porque os seus efectos non só incrementan o risco de sufrir accidentes, senón que, en caso de producirse, dificultan as tarefas dos servizos sanitarios ao interferir cos fármacos subministrados.
Cómpre lembrar aos peóns a importancia de facerse ver se circulan ou cruzan por estradas, xa que as súas lesións adoitan ser moi graves pola fraxilidade do corpo ante os vehículos en movemento.
Nas festividades do ano pasado, desde o 24 de decembro de 2017 ata o 6 de xaneiro de 2018, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 362 chamadas en relación cos accidentes de tráfico que xeraron 288 asistencias. Nelas, atendeuse a 387 persoas, tres das cales faleceron no punto do incidente.
Como actuar ante un sinistro de tráficoAnte un accidente de tráfico é fundamental actuar correctamente para evitar aumentar o número de vítimas. É importante avisar canto antes, para que acudan os servizos de emerxencia, marcando o 061 e non intervir se non se sabe como.
A persoa que se atopa no lugar do sinistro pode ser de grande utilidade, seguindo as indicacións transmitidas polo persoal sanitario da Central de Coordinación do 061 de Galicia ata a chegada dos recursos especializados, canto máis datos se lle dean máis se axudará na súa tarefa.
Lembre que é necesario facilitar a situación exacta do lugar do accidente e o estado dos feridos, para que se poidan enviar os recursos sanitarios necesarios dependendo da gravidade do suceso.
App de Urxencias Sanitarias de Galicia-061Hai que subliñar a importancia de ter descargada a App de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 no móbil ou na tableta. As chamadas que se realicen a través desta App enviarán os datos de filiación e a posición exacta xeolocalizada do accidentado. Isto resulta fundamental no caso dos accidentes de tráfico onde a zona poida resultar descoñecida para a persoa que dá a alerta ou onde os enderezos sexan complicados de indicar. Ademais da localización, a App de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 permitirá a recuperación dos datos do paciente e da súa historia clínica.
Antes de auxiliar nun sinistro de tráfico, trate de aparcar o coche nun sitio seguro, afastado do accidente, e prender as luces de emerxencia. Deberá poñer roupa reflectante ou rechamante, pero nunca escura. Ademais, sinalizará o accidente 200 metros antes e despois do lugar no que ocorreu.
Outra das medidas que se deberán realizar será apagar as luces e retirar as chaves do vehículo sinistrado e considerar a existencia de perigos engadidos, como pode ser o desprendemento de gases, incendios, cables eléctricos, entre outros.É importante lembrar que Urxencias Sanitarias de Galicia-061 é un servizo que funciona as 24 horas, os 365 días do ano e que moitas vidas se poden salvar se son tratadas dun modo axeitado.
- Te recomendamos -