Persoal enfermeiro do 061 de Galicia prestará atención sanitaria nun posto de socorro no claustro da Catedral entre o 1 de xullo e o 31 de agosto
A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e a Orde dos Cabaleiros de Malta colaborarán, un ano máis, para a prestación de asistencia sanitaria aos peregrinos que se acheguen ao posto de socorro que a Orden de Malta ten situado no claustro da Catedral de Santiago de Compostela. Esta colaboración realízase a través dun acordo que permitirá que este dispositivo sanitario se manteña ao longo do verán, desde o 1 de xullo ata o 31 de agosto, cando o incremento de turistas e peregrinos é maior.
Nos últimos anos a afluencia de peregrinos a Santiago de Compostela vén experimentando un continuo aumento que aínda chegou a alcanzar cifras máis elevadas que nos anos xacobeos. Así, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, como servizo encargado de prestar asistencia á urxencia e emerxencia no ámbito extrahospitalario, facilita o material humano e funxible para a atención sanitaria no posto de socorro da Orden de Malta no claustro catedralicio para atender a todas aquelas persoas que se encontren na Catedral ou no seu contorno e necesiten asistencia sanitaria ao longo do verán. Trátase dunha colaboración que xa se realizou en anos anteriores, especialmente nos anos xacobeos, nos que Urxencias Sanitarias de Galicia-061 dispón de postos de asistencia sanitaria en distintos puntos ao longo do Camiño de Santiago, na catedral e no seu contorno.
Actividade verán 2017Ao longo dos meses de xullo e agosto de 2017, o posto de socorro da Orden de Malta na Catedral de Santiago atendeu a 94 persoas, das cales 66 eran mulleres e 38 homes. O 70 por cento dos atendidos era de nacionalidade española e o 30 por cento restante procedían de outros países. Respecto ás idades, o 21 por cento tiñan entre 60 e 69 anos.
As persoas atendidas presentaban as seguintes patoloxías: o 39 % todo tipo de feridas ou lesións, o 15 % sobrecargas musculares, o 15 % mareos ou hipotensión, o 13 % feridas profundas, o 13 % fatiga e o 5 % outra diagnose. Por último, a maior actividade rexistrouse ao longo do mes de xullo no que realizáronse o 60,5 % das asistencias sanitarias, mentres que no mes de agosto atendeuse ao 39,5 %.
A Orden de San Juan de Jerusalén é unha orde relixiosa laica, tradicionalmente militar, cabaleiresca e nobiliaria. Constitúe unha das máis antigas institucións da civilización occidental e cristiá e os seus voluntarios están organizados en estruturas sociais, asistenciais, sanitarias e sociais dedicadas a dar servizo aos pobres e necesitados. Actualmente, esta orde está presente en máis de 120 países.
Urxencias Sanitarias de Galicia-061 presta atención sanitaria ás urxencias e emerxencias sanitarias extrahopitalarias na Comunidade galega dende o ano 1998 e actualmente está considerado como o servizo sanitario mellor valorado pola cidadanía, obtendo os máis altos índices de valoración pola poboación usuaria.
- Te recomendamos -