Inicio Galicia Nicolás Combarro propón no CGAC novos modelos de realidade arquitectónica coa exposición...

Nicolás Combarro propón no CGAC novos modelos de realidade arquitectónica coa exposición ?Forma, Acción?

0

A mostra temporal que se inaugura esta tarde e permanecerá aberta ao público ata o 7 de outubro integra dúas series do artista que pertencen á colección do museo


O Centro Galego de Arte Contemporánea inaugura hoxe a exposición Forma, Acción, que propón novos modelos de realidade arquitectónica. A mostra temporal, que vai permanecer aberta ao público ata o 7 de outubro, “investiga na relación entre o espazo e a arquitectura”, segundo sinalou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen destacou que “Combarro investiga a intervención no espazo e na paisaxe como forma de construción”.

Na rolda de prensa de presentación tamén tomaron parte o director do CGAC, Santiago Olmo, comisario da mostra, e o propio artista, o coruñés Nicolás Combarro, de quen Lorenzo destacou que “traballa coa fotografía e que a utiliza como vehículo para expresarse, xunto coa escultura, o vídeo ou a pintura”.

A exposición mostra unha selección das mellores intervencións realizadas ata a data polo artista, xunto con outra realizada no interior do CGAC para esta ocasión. Baixo o título Desvelar, desprazar, a proxección dun rectángulo de luz, desprega, facéndoas evidentes, formas xeométricas ocultas na arquitectura de Siza. “Unha reinterpretación do espazo concibido polo arquitecto portugués”, segundo o secretario xeral de Cultura.

Ademais, forman parte da exposición dúas series de Nicolás Combarro que pertencen á colección do CGAC, Bangkok e Arquitectura oculta, que se presentan practicamente completas. A mostra recolle tamén a serie Arquitectura espontánea, formada por 80 pezas realizadas a partir do seu arquivo fotográfico “na que intervén con colaxe, debuxo ou pintura en formas arquitectónicas populares contemporáneas, e desvela deste xeito elementos de forma e cor ocultos nas súas estruturas”, explicou Anxo Lorenzo.

Outras mostras no CGACTamén se poden visitar no museo a mostra Colección CGAC 25, ata o vindeiro 30 de setembro, que percorre o primeiro cuarto de século da súa historia a través dun total de 89 pezas escolmadas entre as 1.276 que conforman a colección. A exposición subliña a función transformadora do CGAC como institución cultural que integra a función de museo, a de centro de arte que innova con proxectos expositivos temporais e, finalmente, como arquitectura internacional e referente de modernidade, facéndolle así unha homenaxe ao edificio proxectado por Álvaro Siza.

En construción, que vai permanecer aberta ao público ata o 28 de outubro, traza un percorrido a través da obra de artistas moi diferentes, con rexistros distintos, pero que nalgún momento da súa traxectoria traballaron a partir da idea da construción. A maioría das obras se enmarcan na diversidade das prácticas dos campos expandidos, entre o construtivo e a reutilización de materiais de diferente natureza. A través de arredor de 40 obras, tres delas producidas no CGAC, a exposición, comisariada por Santiago Olmo, réndelle tamén homenaxe ao deseño arquitectónico do propio centro, obra de Álvaro Siza. Integradas na mostra aparecen varias obras pertencentes á colección.


- Te recomendamos -