Inicio Galicia Nava Castro subliña o papel da Feira do Xamón da Cañiza como...

Nava Castro subliña o papel da Feira do Xamón da Cañiza como unha das festas turísticas referentes do sur de Galicia

0

Recordou que esta celebración, que terá o seu día grande o 15 de agosto, é bo exemplo de como a posta en valor de produtos autóctonos atrae visitantes de todo o mundo

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, puxo hoxe en valor o papel das festas de Interese Turístico de Galicia á hora de reforzar o atractivo da Comunidade durante o verán. Así o manifestou hoxe durante a presentación da 52 edición da Feira do Xamón da Cañiza, unha das celebracións galegas con este recoñecemento e da que subliñou a súa relevancia como unha das citas turísticas referentes do sur de Galicia.

Durante a rolda de prensa -no que estivo acompañada polo alcalde da Cañiza, Miguel Domínguez- Nava Castro sinalou a importancia destas citas festivas á hora de sumar atractivos turísticos ao destino galego xa que, como dixo, “esas materias primas nos identifican e son quen de atraer ano a ano a visitantes de todo o mundo, cada vez máis interesados pola gastronomía galega”.

Neste sentido recordou a aposta do Goberno galego para apoiar, promover e difundir estas celebracións a través dunha liña de axudas que contan cun investimento global de 300.000 euros, dentro do compromiso de Turismo de Galicia polo mantemento e impulso de festas como a Feira do Xamón da Cañiza, polas súas características e singularidades, axudan a converter a Comunidade galega nun destino diferenciado.

Neste sentido, puxo como exemplo a Feira do Xamón da Cañiza que celebra este ano a súa 52 edición cun completo programa de actividades que incluirá no seu día grande, o 15 de agosto, o V Concurso Nacional de Cortadores de Xamón, organizado polo cortador Víctor Burgos e no que xa confirmaron a súa asistencia algúns dos máis destacados cortadores de España e haberá arredor dunha trintena de participantes, a maior parte deles profesionais. Na antesala da feira, o 14 de agosto organizarase a V Cata Comentada de Curados e Viños, que contará con destacados cortadores españois e portugueses. Tamén se incluirán actividades musicais, cata de viños, obradoiros de xamón e de pan, espectáculos infantís e exposicións.

A Feira do Xamón da Cañiza é unha das máis de 140 festas con algún tipo de recoñecemento de interese turístico coas que conta Galicia repartidas polas catro provincias. Ás 120 de Interese Turístico de Galicia, súmanse 12 de Interese Turístico Nacional e nove de Interese Turístico Internacional. 


- Te recomendamos -