Inicio Galicia Nava Castro salienta en Osaka o crecente papel do mercado xaponés para...

Nava Castro salienta en Osaka o crecente papel do mercado xaponés para desestacionalizar a demanda turística en Galicia

0

Puxo en valor as preferencias destes turistas pola enogastronomía e cultura galegas así como o feito de que realicen viaxes ao longo de todo ano, adoiten facer un maior gasto turístico e se posicionen entre os mercados máis estratéxicos


A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou hoxe na cidade xaponesa de Osaka o destacado papel que o mercado asiático está a ter á hora de desestacionalizar e especializar a demanda turística galega. As preferencias deste mercado asiático pola enogastronomía e cultura así como o feito de que adoiten facer un maior gasto turístico e que realicen viaxes ao longo de todo o ano contribúen, dixo, a estes obxectivos e tamén a posicionar este mercado entre os máis estratéxicos da Comunidade galega no eido internacional.

A responsable de Turismo da Xunta fixo estas valoracións durante a presentación de destino que realizou ante preto dun centenar de axentes turísticos e prensa especializada e que tamén contou coa presenza do director da Oficina de Turespaña en Xapón, Magí Castelltort. O papel de Galicia no eido termal, como primeira potencia de España e segunda en Europa; as opcións para realizar deportes como o golf en contornas únicas como ofrece a Comunidade galega; ou a calidade da nosa enogastronomía foron algúns dos asuntos que máis atención suscitaron entre os axentes e representantes da prensa especializada nipona.

A xestión levada a cabo no Camiño de Santiago en Galicia foi, ademais, outro dos puntos destacados durante a súa intervención, especialmente pola presenza de varios deputados de Ehime, unha das catro rexións polas que discorre o Camiño de Shikoku-Henro. Dada a experiencia da Xunta neste sentido, Galicia vén colaborando con este itinerario de peregrinación no seu labor por obter o recoñecemento de Patrimonio Mundial da Unesco, fito que xa teñen o Camiño Francés, o Camiño Primitivo e o Camiño do Norte.

Un terzo dos turistas, estranxeirosA axenda da directora de Turismo de Galicia en Xapón continúa o venres cunha xornada de presentación de destino galego en Toquio onde tamén reforzará os contactos institucionais con representantes da Dirección Xeral de Turismo da prefectura de Wakayama, punto clave da ruta de peregrinación do Camiño Kumano-Kodo, irmandado co Camiño de Santiago desde hai 20 anos e tamén Patrimonio Mundial.

A viaxe enmárcase no traballo de Turismo de Galicia para acadar cada vez un destino máis internacional, un dos obxectivos da Estratexia de turismo de Galicia 2020 que aspira a que o mercado estranxeiro supoña o 33% do total de cara a 2020. Inclúe unha das súas once liñas estratéxicas ao completo a intensificar a promoción no eido internacional incluíndo o impulso en mercados como China, Corea ou Xapón.

De feito, segundo datos de Turespaña, a chegada de turistas xaponeses a España aumentou de maneira progresiva na última década, pasando de recibir 250.000 viaxeiros nipóns anuais a máis de 400.000. Estas cifras, unidas ao gasto en destino, fan deste mercado emisor un dos máis interesantes de Asia.


- Te recomendamos -