Os profesionais reciben formación teórica e práctica das últimas tendencias nas áreas de aloxamento e analizan casos de éxito en enoturismo e termalismo
A directora de Turismo, Nava Castro, puxo hoxe en valor a calidade da formación impartida no Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) cuxos profesionais están impartir estes días un curso de dirección e xestión para un grupo de máis de trinta hoteleiros e directivos da Federación Empresaria Hotelera Gastronómica da República Arxentina (FEHGRA).
A iniciativa enmárcase na colaboración mantida entre Turismo de Galicia e esta entidade, cuxa presidenta, Graciela Fresno, se reuniu esta mañá con Nava Castro para compartir as súas liñas de traballo. Durante esta actividade formativa, os profesionais están a obter formación sobre as últimas novidades e tendencias nas áreas de aloxamento, recursos humanos, revenue management, alimentos e bebidas, xestión económica e marketing, da man dos profesores do Centro con máis de 20 anos de experiencia en hotelería.
As clases teóricas combínanse con visitas ou traballos de campo a establecementos termais, adegas e outros produtos turísticos de Galicia. No curso están a participar hoteleiros das diferentes filiais da FEHGRA de lugares como Bahía Blanca, Comodoro-Rivadavia, Concordia, Calafate, Córdoba, Formosa, Mar del Plata, Paraná, Puerto Iguazú, Rosario, Santa Fe ou Thermas de Río Hondo.
Con este curso -que continuará ata o vindeiro sábado- amplíanse as actividades formativas levadas a cabo polo CSHG nos últimos anos con este colectivo. En edicións anteriores, directivos das provincias de Tucumán e Salta e membros de FEHGRA participaron en actividades formativas e tamén se celebrou o Gran Foro do Coñecemento de HOTELGA, coa participación de profesionais do CSHG.
- Te recomendamos -