Inicio Galicia Nava Castro participa na XXIII Festa da Lamprea Seca de Arbo, que...

Nava Castro participa na XXIII Festa da Lamprea Seca de Arbo, que pon en valor a fortaleza de Galicia como destino enogastronómico

0

Trátase dunha festividade sobre un recurso culinario singular que conta, ademais, cunha ruta turística propia ao seu redor que permite coñecer ata 18 concellos galegos

Arbo (Pontevedra), 11 de agosto de 2018.- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada do alcalde de Arbo, Horacio Gil, asistiu hoxe á XXIII edición da Festa da Lamprea Seca de Arbo, unha celebración que ano a ano se converte nun perfecto escaparate da riqueza de Galicia como destino de gastronomía de produto. Trátase dunha festa sobre un recurso de especial singularidade como é a lamprea e que conta, ademais, cun itinerario turístico propio, a Ruta da Lamprea, que permite coñecer ata 18 concellos galegos a través dos ríos Miño, Ulla e Tambre.

A Festa da Lamprea Seca de Arbo é unha das máis de 300 celebracións gastronómicas distribuídas polas catro provincias que amosan que calquera momento é bo para gozar da cociña popular. Polas súas singulares características, festas como estas ocupan un lugar destacado na Estratexia do turismo de Galicia 2020. Tamén terán un papel destacado no futuro Plan Enogastronómico no que a Xunta está a traballar e que ten moi en conta que cada vez son máis os viaxeiros que acoden a Galicia interesados pola cociña galega.

Esta celebración reúne ano a ano neste concello pontevedrés a visitantes atraídos polos produtos autóctonos como a lamprea e tamén os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas, que tamén están a ter lugar destacado durante a festividade na área de degustación especialmente habilitada. Tamén se inclúen obradoiros de artesanía e un festival de cantos de taberna, organizado pola Coral Polifónica de Arbo.

Atractivo turístico da pesqueirasO concello de Arbo foi tamén protagonista esta fin de semana coa Ruta dos Viños do Ribeiro-Rías Baixas dos Trens Turísticos de Galicia, impulsados pola Xunta en colaboración con Renfe e o Inorde. Nava Castro e Horacio Gil saudaron aos participantes á súa chegada á estación de Arbo e os acompañaron á súa visita ás tradicionais pesqueiras. Os participantes tamén se achegaron, entre outros lugares, ao Mosteiro de Leiro, onde puideron visitar o novo spa viñoterapia posto en marcha.

Arbo sitúase na Ruta da Lamprea do Baixo Miño, un itinerario que se espalla ao longo de 25 quilómetros ata Salvaterra de Miño onde se poden ver as tradicionais pesqueiras, as estruturas ancestrais coas que se pesca artesanalmente este peixe e polas que Turismo de Galicia leva tempo facendo unha férrea aposta nos últimos anos garantindo a súa conservación e converténdoas nun reclamo para o interior da provincia de Pontevedra. 


- Te recomendamos -