Dodro, O Pereiro de Aguiar, Pontecesures, Oroso, Ponteceso, Avión, Fene, Ortigueira, Caldas de Reis, Toén, Fisterra, A Cañiza, Mondariz-Balneario, O Porriño, Bueu, Melide, Vimianzo, Arteixo, A Pontenova, Taboada e Castro Caldelas acollen as actividades
O programa de dinamización lingüística Nadal en Rede, impulsado desde a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, ten nesta última fin de semana do ano un calendario especialmente intenso. Entre este venres e o domingo, 21 localidades galegas acollerán concertos e actividades musicais, obradoiros e sesións de teatro. Os encargados de encher de propostas as axendas municipais propias destas datas son a cantante galega máis eurovisiva, Lucía Pérez, a empresa xogueteira Brazolinda, as voces femininas da Banda da Loba, os irmáns Bolechas, Baobab Teatro e os coñecidos temas de Suso Vaamonde sobre textos de Pura e Dora Vázquez, aínda que tamén haberá obradoiros e outras actuacións puntuais.
Lucía Pérez estará o sábado no Castelo de Castro Caldelas (19,30 horas) e o domingo no no Auditorio Municipal da Cañiza (19,00 horas). A coñecida cantante repasará coa súa voz textos de autores como Celso Emilio, Neira Vilas ou Rosalía.
A empresa de xogos en galego Brazolinda ofrece esta fin de semana unha serie de obradoiros destinados a familias con nenos e nenas de entre 3 e 10 anos. O venres estarán en Oroso (Centro Cultural Casas e Novoa, 17,00 horas) e o sábado en Caldas de Reis (Biblioteca Martínez Ferro, 11,00 horas). O domingo a cita é en Arteixo (Carpa Praza do Balneario, 11,30 horas).
Tamén dentro do Nadal en Rede, a Banda da Loba, o grupo revelación deste ano que remata, estará esta fin de semana co Nadal en Rede en Fene (venres, Salón de Actos da ACRD O Pote de Maniños, 20,30 horas) e no Porriño (sábado, Carpa do Roxi, 20,30 horas).
A compañía de teatro Baobab levará o seu Puño Puñete a cantar e contar en galego coas familias con cativada ata 7 anos este sábado, 29 de decembro, a Bueu (Centro Social do Mar, 12,00 horas) e a Melide (Casa da Cultura, 18,30 horas).
Senén Vaamonde e dous dos compoñentes da formación A Roda, Alfredo e Manuel, ofrecerán un concerto didáctico (Dúas picariñas ourensáns) que inclúe panxoliñas e outros textos de Pura e Dora Vázquez musicados no seu día por Suso Vaamonde. A primeira parada desta fin de semana será o venres en Dodro (Casa da Cultura, 10,30 horas). Tamén ese mesmo día poderá verse este espectáculo en Pontecesures (Centro Social, 17,00 horas). O sábado, Senén Vaamonde estará en Toén (Salón de Actos de Moreiras, 16,00 horas) e o domingo en Taboada (Antigo Cuartel, 17,00 horas).
Outro obradoiro que terá esta fin de semana unha presenza especial é o que leva o nome de Mulleres que contan, unha homenaxe ás nosas escritoras. O taller, destinado a mozos e mozas de 12 anos en diante estará mañá, venres 28, no Pereiro de Aguiar (Pavillón Municipal, 12,00 horas) e en Avión (Centro Multifuncional, 18,00 horas). O sábado 29 o obradoiro estará en Ortigueira (Biblioteca Municipal, 12,00 horas) e en Fisterra (Casa do Concello, 18,00 horas). O domingo 30 a cita é na Pontenova (Casa da Cultura, 17,00 horas).
Pero tamén haberá espazo para outras actividades. Así, mañá, venres 28, a Fundación Pondal de Ponteceso acolle, ás 17,00 horas, o obradoiro Os avós e as avoas como transmisores de lingua e cultura. O sábado 29, a localidade de Mondariz-Balneario (Casa do Concello, 19,00 horas) acollerá o concerto Cantos de Amor, da soprano Victoria Álvarez e o pianista Vicente Castro. Por último, Os Bolechas estarán o domingo 30 en Vimianzo (Casa da Cultura, 18,30 horas) coas súa última proposta (Nadal no Polo Norte).
Toda a información sobre o programa e calendario de actividades no Portal da Lingua Galega, nas rede sociais do programa e na Axenda de Cultura de Galicia.
- Te recomendamos -