A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o rexedor Xoán Carlos Montes asinaron hoxe o acordo polo que este municipio delega as súas competencias en disciplina urbanística no organismo autonómico
Mondariz súmase aos 67 concellos galegos adheridos á Axencia Pública de Legalidade Urbanística (APLU), organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio que naceu hai dez anos co obxectivo de axudar aos municipios a velar pola protección do territorio e o respecto á legalidade vixente.
A adhesión do Concello de Mondariz á APLU será efectiva logo da publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio que esta mañá referendaron a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, e o rexedor local, Xoán Carlos Montes, e en virtude do cal encoméndaselle á axencia as competencias municipais en materia de disciplina urbanística.
Así, mediante este convenio o organismo autonómico asumirá os traballos de inspección, supervisión e restablecemento da legalidade urbanística establecidas nos artigos 152 e seguintes da Lei do Solo de Galicia, en relación coas obras e usos do solo que se executen no ámbito do Concello de Mondariz sen licenza urbanística ou sen axustarse ás súas condicións.
Ademais da función de control e disciplina urbanística, a Axencia tamén asiste aos concellos adheridos desde o punto de vista técnico e xurídico e ofrece formación e axuda para a concienciación cidadá, co fin de que os operadores xurídicos e técnicos, así como a cidadanía en xeral se formen en valores proteccionistas do patrimonio natural. Igualmente, a adhesión inclúe a tramitación de expedientes de reposición da legalidade urbanística e sancionadores, e a protección da servidume de protección do dominio público marítimo terrestre.
Durante a sinatura, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio felicitou ao alcalde mondaricense pola aposta que fai este concello pola protección do territorio e a promoción dun urbanismo sostible e responsable. Así, sinalou a importancia de que a inspección urbanística chegue a todos os concellos de Galicia co fin de repoñer a legalidade alí onde sexa necesario e recuperar as paisaxes que poidan resultar degradas pola ocupación ou usos ilícitos.
Cómpre lembrar que a finalidade última da APLU, a primeira axencia de ámbito urbanístico que se puxo en marcha en España, é velar polo uso racional do solo conforme á normativa urbanística en vigor. Neste sentido, a colaboración e coordinación entre administracións con competencias nesta materia resulta fundamental.
Obxectivo: acadar novas adhesións e maiores competenciasCoa súa adhesión voluntaria á APLU, os concellos ceden as súas competencias en favor da axencia urbanística para que sexa esta a que, dun modo profesional e eficaz, protexa a paisaxe da Comunidade. Cómpre lembrar que un dos retos do actual Goberno galego é seguir acadando novas adhesións municipais, polo que a Consellería de Medio Ambiente aposta por trasladar aos rexedores municipais os beneficios de estar adheridos á APLU.
Con este obxectivo, precisamente, a axencia celebrou a comezos deste ano catro xornadas provinciais nas que deu a coñecer as melloras e novidades principais nas que traballa de cara a este ano. Así, en resposta a unha demanda dos propios concellos, a APLU asume as competencias sobre infraccións naquelas obras suxeitas a comunicación previa municipal e non só, como ocorre agora, nas que requiran de licenza. Así mesmo, a axencia urbanística tamén creará un servizo de cooperación e asistencia municipal e vén de estrear páxina web cun novo espazo de atención para as entidades locais adheridas.
Concellos adheridosCoa sinatura do convenio entre o Concello de Mondariz e a Consellería de Medio Ambiente, o número total de entidades locais adheridas á APLU na actualidade ascende a 68, co seguinte reparto provincial: 25 na Coruña, 20 na de Ourense, 11 na provincia de Lugo 11 e 12 na de Pontevedra.
Os 68 concellos adheridos representan o 17% da superficie total de Galicia e o 12,6% da súa poboación, o que supón preto de 350.000 persoas.
- Te recomendamos -