O secretario xeral da Emigración reuniuse co titular do departamento do Estado, Ildefonso de la Campa, para establecer as liñas de cooperación de cara a Estratexia Retorna 2020
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, solicitou á Dirección General de Migraciones, dependente do Ministerio de Empleo y Seguridad Social, a súa colaboración para reforzar os labores de asesoramento e seguimento das familias dos galegos que queiran retornar a Galicia. Así llo manifestou ao titular do departamento do Estado, Ildefonso de la Campa Montenegro, nun encontro mantido en Santiago de Compostela.
O secretario xeral da Emigración salientou a relevancia que a información e orientación tanto aos galegos que regresen á súa terra de orixe como aos seus familiares que carezan de nacionalidade española teñen para as familias de carácter mixto que pensan en establecerse en Galicia definitivamente. O aumento do número de galegos residentes no exterior que queren regresar leva consigo un incremento cada vez maior dos casos nos que chegan á comunidade autónoma galega acompañados por cónxuxes nados e coa nacionalidade do país do que proceden.
Servir de guía e apoio aos retornadosOfrecer asesoramento acerca dos pasos a seguir para lograr fixar en Galicia a súa residencia require, así, cunha actuación conxunta do Goberno galego, a través da Secretaría Xeral da Emigración, e do español, a través das distintas subdelegacións do Goberno repartidas polas catro provincias galegas, que se pretende artellar grazas a un protocolo de actuación coordinado polos departamentos dirixidos por Rodríguez Miranda e De la Campa Montenegro.“Con este acordo de colaboración, a Xunta de Galicia pretende servir de guía real e de apoio de todos os galegos que desexen volver á súa terra de orixe, e que queiran facelo da familia que crearon durante a súa etapa fóra da comunidade. Manter o núcleo familiar unido e ofrecer acubillo a aqueles que un día llo deron aos galegos que residían fóra das nosas fronteiras é unha obriga que temos para cos países de acollida e para os novos membros da gran familia galega”, sinalou o secretario xeral da Emigración.
- Te recomendamos -