A Secretaría Xeral da Emigración mantén un convenio coa entidade de 35.000 euros, que garante o servizo gratuíto de información e asesoramento
A Secretaría Xeral da Emigración vén de renovar o seu compromiso cos galegos retornados de Venezuela a través do convenio que mantén coa Federación de Galegos de Venezuela (Fevega), coa que colabora de xeito económico para axudar a garantir o servizo gratuíto de información e asesoramento. O titular do departamento autonómico, Antonio Rodríguez Miranda, ratificou esta mañá a súa implicación cos galegos que están a sufrir as consecuencias da grave crise social que atravesa o país suramericano durante a visita á unha das tres oficinas que a agrupación ten repartidas por toda a comunidade, situada en Vigo.
Ourense e unha terceira unidade móbil, que permite ao persoal de Fevega desprazarse por diferentes concellos e comarcas de todas as provincias de Galicia, completan a oferta de asesoramento da entidade de venezolanos a todos os galegos que veñen de retornar, así como a calquera outra persoa que precise información. En total, as tres oficinas atenderon nos cinco primeiros meses do ano un total de 732 consultas, das que 507 se dirixiron directamente tanto á da cidade olívica como a itinerante, e outras 225 á ubicada na capital ourensá.
Unha prioridade en emigración“Venezuela é nestes intres a nosa prioridade en materia de emigración. Leva séndoo desde que se agravou a crise que está a desestabilizar o país, e o vai seguir sendo ata que a situación se normalice. A difícil conxuntura que están a vivir os galegos que residen en Venezuela require de todos os nosos esforzos para axudar a procurarlles as súas necesidades máis básicas”, sinalou Miranda. Entre outros programas xestionados polo departamento dependente da Presidencia da Xunta, o responsable autonómico salientou as axudas extraordinarias ao emigrante retornado, que contan este ano cunha partida específica de 900.000 euros para os procedentes deste país, e a de medicamentos, para a que se dispón de 150.000 euros.
Máis de dous millóns para este colectivoA Secretaría Xeral da Emigración destinará un total de 2,2 millóns de euros aos galegos de Venezuela entre as actuacións levadas a cabo no propio país e as que teñen como obxectivo o fomento do retorno. Entre estas últimas se atopa o convenio que mantén coa Federación de Venezolanos en Galicia, dotada con 35.000 euros destinados a cubrir os gastos do seu labor de información e asesoramento. Venezuela é o quinto país do mundo con maior presenza de galegos, 40.226 a 1 de xaneiro de 2018, dos que 25.309 (un 37,08 %) naceron xa na diáspora. A galega é, trala canaria, a colectividade española máis relevante nun país que está a atravesar momentos de especial incerteza sobre o seu futuro.
- Te recomendamos -