Inicio Galicia Miranda recibe os 149 emigrantes galegos participantes no programa ?Reencontros na casa?

Miranda recibe os 149 emigrantes galegos participantes no programa ?Reencontros na casa?

0

O secretario xeral da Emigración acudiu aos aeroportos de Lavacolla e Alvedro para dar a benvida aos primeiros beneficiarios, que chegaron esta mañá desde A Arxentina, Uruguai e Venezuela


O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu esta mañá nos aeroportos de Santiago de Compostela e A Coruña aos primeiros grupos de participantes no Reencontros na Casa procedentes da Arxentina, Uruguai e Venezuela. O programa da Secretaría Xeral da Emigración, dirixido a galegos maiores de 65 anos con poucos recursos económicos, busca promover o contacto destes emigrantes coa súa terra e as súas familias, facilitándolles a oportunidade de redescubrir as súas raíces, e poñéndolles ao tempo en contacto coa realidade actual de Galicia, case sempre nos mesmos lugares nos que naceron. Para algunhas e algúns deles, de feito, é o primeiro retorno á súa terra de nacemento desde que iniciaran a súa andaina alén o Atlántico.

En total, desde a capital bonaerense aterraron 54 beneficiarios desta iniciativa, que tamén permitiu a outros 24 emigrantes, neste caso procedentes de Montevideo, regresar á súa terra de orixe. Miranda, quen estivo acompañado no aeroporto de Lavacolla polo delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro Tato, deu a benvida aos 78 viaxeiros rioplatenses, que se xuntaron ao chegar a Madrid desde os diferentes puntos de saída para tomar o último voo, que os levou ata a capital galega.“Poder ser testemuña de como os nosos emigrantes, os nosos maiores, recuperan parte desa emoción, deses vínculos aos que tiveron que renunciar cando marcharon ao outros lado do Atlántico é un dos mellores agasallos que nos dá a historia”, sinalou o secretario xeral da Emigración, quen engadiu que “precisamente por iso, porque eles escribiron a historia, porque eles fixeron de Galicia o que é hoxe, síntome moi agradecido de poder seguir convocando programas que, como os Reencontros na Casa, nos dan a oportunidade de achegalos durante unhas semanas a esta terra que é a súa”.

Recepción aos venezolanos en AlvedroA continuación, o titular da Secretaría Xeral da Emigración trasladouse ao aeroporto de Alvedro, onde recibiu os 57 participantes de Venezuela, que chegaron a primeira hora da tarde á Coruña. Tamén alí o responsable autonómico intercambiou impresións cos beneficiarios do programa da Xunta, a quen ofreceu o seu apoio durante a súa estadía en Galicia e a quen deu a benvida á comunidade da que, en moitos casos, partiron hai décadas e non regresaron ata o de agora.

O resto dos 149 beneficiarios están a chegar en voos procedentes dos seus países de residencia, como Cuba e Brasil, en grupos menos numerosos. A media de idade dos participantes de Reencontros na Casa ronda nesta nova edición os 78 anos, con lixeiras variacións entre os procedentes dos distintos países de procedencia. Así, mentres o beneficiaros da Arxentina rondan os 76 anos, ao igual ca os de Venezuela, os do Brasil teñen unha media de 77 anos, os do Uruguai 79, e os de Cuba posúen a máis alta, con 81.

Ademais de sufragar unha parte importante do billete, o Goberno galego vela pola súa saúde no traslado e organiza coas familias o reencontro. Unha vez realizado este, son elas, as familias, as encargadas da manutención e hospedaxe dos beneficiarios e beneficiarias da iniciativa. Os participantes poderán permancer en Galicia un máximo de 45 días.


- Te recomendamos -