Inicio Galicia Miranda lembra en Pamplona que a nosa lingua é patrimonio e responsabilidade...

Miranda lembra en Pamplona que a nosa lingua é patrimonio e responsabilidade de todos os galegos do mundo

0

O secretario xeral da Emigración recibiu a insignia do Lar Gallego que impón a entidade da capital navarra

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, lembrou onte desde Pamplona que o galego é responsabilidade e dereito de todos os galegos do mundo. En concreto, asistiu á celebración que o Lar Gallego de Pamplona levou a cabo co gallo do Día das Letras Galegas, unha das datas máis sinaladas para todas as entidades galegas que se atopan fóra da comunidade autónoma.

O programa deseñado polo Lar Gallego de Pamplona comezou o venres coa inauguración da exposición de fotografía “Los Caminos de Santiago en Galicia: portugués, inglés, Santiago a Fisterra y francés”, de José Luis Sánchez, autor das instantáneas e bibliotecario da entidade navarra. O evento cultural continuou onte coa conferencia sobre María Victoria Moreno Márquez, a homenaxeada neste Día das Letras Galegas, que impartiu a escritora tradutora, crítica literaria, animadora cultural e editora de Castroverde Ánxela Gracián. A charla estivo amenizada pola actuación do cantautor ourensán Emilio Rúa, quen ofreceu algúns temas cantados en galego.

Recoñecemento ao labor institucionalTras a ponencia, a presidenta do Lar Gallego de Pamplona, María Jesús Rodríguez García, impúxolle a insignia da entidade ao secretario xeral da Emigración en recoñecemento á súa colaboración constante coa entidade. “A nosa lingua, o noso idioma, é o máis prezado dos tesouros que nos deu Galicia. E fíxoo cunha soa condición, que a coidásemos. Por iso, desde aquí eu vos dou os meus parabéns por esta celebración, por esta xuntanza chea de galego, e de galegos. E, sobre todo, chea de moito orgullo e agarimo”, sinalou.

O grupo folclórico Os Fillos de Breogán, pertencente ao centro galego de Pamplona, pechou o programa do Día das Letras Galegas, que continúa hoxe coa actuación da banda do Hogar Extremeño de Pamplona, Raíces y Brotes, e un xantar de confraternidade.  


- Te recomendamos -