O secretario xeral da Emigración recibiu os oito alumnos que están a asistir á nova disciplina incluída nas Escolas Abertas 2018
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, invitou esta mañá aos participantes no curso de “Habilidades directivas”, a nova disciplina incluída no programa Escolas Abertas 2018, a combinar a ilusión e os novos proxectos coa experiencia e a serenidade dos maiores. O responsable autonómico recibiu os oito alumnos na sede do departamento do Goberno galego, onde durante as dúas vindeiras xornadas recibirán formación de primeira man sobre o funcionamento da Administración pública e os diferentes programas dos que se poden beneficiar os galegos do exterior.
Esta iniciativa está deseñada para axudar os centros galegos espallados polo mundo a actualizarse tanto tecnolóxica como xeracionalmente, co obxectivo de potencialos e garantir o seu imprescindible labor de reforzo dos vínculos dos galegos do exterior coa súa terra de orixe. Abrir os órganos directivos tanto os mozos como as TIC semella, así, un paso fundamental á hora de fortalecer ás preto de 200 entidades que hai repartidas por decenas de países.“Vós sodes o futuro, non só dos centros galegos aos que representades hoxe aquí, senón de gran parte da Galeguidade no seu senso máis amplo”, lembroulles Miranda, quen lles animou a “facer propostas, tomar a iniciativa e traballar unidos sempre co único fin de preservar, protexer e difundir o noso ben máis prezado: a identidade galega en todos os seus sentidos”. Tramitación electrónica e Rexistro da GaleguidadeA tramitación electrónica, o Rexistro da Galeguidade e o asociacionismo son algunhas das materias que os alumnos, mozos que xa pertencen a directivas de comunidades da Arxentina ou Cuba, abordarán nas sesións lectivas que impartirá entre hoxe e mañá persoal da Xunta de Galicia.
O programa “Escolas Abertas”, convocado todos os anos pola Secretaría Xeral da Emigración, permite a formadoras e formadores das distintas comunidades galegas do mundo que melloren a súa capacitación a través do reforzo e actualización dos seus coñecementos sobre diferentes materias, como son gaita tradicional galega, baile tradicional galego, percusión tradicional galega, canto popular e pandeireta, e confección de traxe tradicional galego (especialidades demandadas polas propias comunidades galegas), ás que este ano súmase o de “Habilidades directivas”.
- Te recomendamos -