Inicio Galicia Miranda inicia a súa visita ao Uruguai coa inauguración na Casa de...

Miranda inicia a súa visita ao Uruguai coa inauguración na Casa de Galicia dun equipo de resonancia magnética pioneira en Latinoamérica

0

O novo aparello adquirido pola mutualidade galega permite estudar as doenzas lumbares cando o paciente está de pé, o que facilita a súa detección e análise


O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, estreou esta mañá a súa visita ao Uruguai, a segunda no que vai de ano, asistindo á inauguración dun equipo para tomar imaxes a través de resonancia magnética pioneiro en Latinoamérica. O aparello de alta precisión atópase nunha das sedes sanitarias da Casa de Galicia de Montevideo, unha das mutualidades de orixe galega máis relevantes da capital uruguaia. A ferramenta, que prestará servizo a usuarios de todo o sistema de saúde, tanto da Administración de los Servicios de Salud del Estado (ASSE) como do mutualismo, é única no Uruguai, e permitirá ofrecer un diagnóstico máis preciso sobre as doenzas da columna vertebral, e especialmente na zona lumbar, toda vez que permite a seu análise cando o paciente está de pé, que é cando mellor se percibe.

O Uruguai é un dos países nos que mellor se escenifica a importancia do labor que prestan os centros galegos espallados por todo o mundo, tanto no eido sanitario, como é o caso da Casa de Galicia, como social e cultural, como no da Unión Hijos de Morgadanes, que está a celebrar o seu centenario. A visita a esta última entidade marcou o ecuador da axenda institucional do secretario xeral da Emigración, quen fixo entrega dun agasallo conmemorativo dos primeiros cen anos de vida a esta agrupación galega.

Miranda agradeceu persoalmente tanto ao seu presidente, Roberto Pérez Burgo, como ao resto da directiva e dos socios da Unión Hijos de Morgadanes, a súa “implicación nun traballo desinteresado cuxo único obxectivo é manter viva Galicia fóra das súas fronteiras e poñer a disposición do resto de galegos un lugar no que compartir vivencias, unha lingua e un modo de vida que marca un carácter inconfundible e do que nos sentimos cada día máis orgullosos”.

Máis de trinta reencontros na TerraO secretario xeral da Emigración tamén aproveitou a mañá para manter un encontro cos máis de trinta beneficiarios do programa Reencontros na Terra procedentes de Uruguai, que están a piques de iniciar a súa viaxe a Galicia. Os participantes, que poderán permanecer na comunidade ata un máximo de 45 días, terán a oportunidade de redescobrir, non só as súas raíces, tanto de tipo cultural e social como familiar, senón tamén poñerse en contacto coa realidade do seu país de orixe mediante actividades que posibiliten o coñecemento da Galicia actual, o encontro coas familias, e o intercambio de experiencias co resto das e dos participantes. Aínda que todas as e todos os participantes deben ter 65 ou máis anos de idade, condición sine qua non para beneficiarse do programa, a idade media supera amplamente esta cifra.

O programa institucional da xornada rematará esta noite no Parque Social e Polideportivo de Carrasco do Centro Gallego de Montevideo coa celebración dun concerto benéfico a favor do Hogar Español no que actuará o conxunto galego conformado polos artistas Queiman e Pousa. O evento está organizado pola Federación de Sociedades Gallegas de Uruguai, que está a celebrar o seu 25 aniversario, en colaboración coa Xunta de Galicia.


- Te recomendamos -