O secretario xeral da Emigración expuxo ao máximo representante da diplomacia española no país programas de axuda que desenvolve a Xunta de Galicia a favor dos galegos residentes
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, expuxo ao novo embaixador de España en Cuba, Juan Fernández Trigo, as diferentes axudas e programas que a Xunta de Galicia ten deseñados de cara a paliar as situacións de necesidade dos galegos residentes na república centroamericana, apoiar a actividade cultural dos centros galegos e reforzar os vínculos coas novas xeracións xa nadas na illa. O encontro, que se enmarca dentro das relacións institucionais de estreita colaboración que os Gobernos español e galego manteñen na illa, é un dos primeiros que o máximo representante do Estado español celebra desde a súa incorporación á Embaixada en La Habana, hai pouco máis dunha semana.
A xuntanza serviu de punto de partida do programa institucional da viaxe que o responsable autonómico está a realizar a Cuba, a primeira no que vai de ano, e que pretende reforzar os lazos que a Secretaría Xeral da Emigración mantén coa colectividade galega residente na illa. En recibir de primeira man información sobre a súa situación actual e as súas necesidades centrarase, precisamente, gran parte da axenda oficial de Miranda, quen dedicará varios días a manter encontros cos membros da colectividade galega e tamén reunións de traballo cos presidentes das diferentes asociacións galegas en La Habana, así como cos coordinadores que traballan en todo o país. Bancos con maior presenza en La Habana O titular do departamento autonómico dedicou a primeira xornada da súa estadía en Cuba a manter encontros cos principais responsables de dúas das máis importantes entidades bancarias do país para coordinar e buscar posibles melloras no sistema de pago das axudas da Secretaría Xeral da Emigración para os galegos sen recursos residentes na illa. O Banco Metropolitano, cuxo ámbito de traballo permite ter un alto numero de oficinas en todos os municipios da capital cubana, e o Banco popular de Ahorro (BPA), que ten a máis extensa rede en toda a illa agás La Habana, son dous dos bancos con maior presenza, polo que a súa colaboración co Goberno galego na tramitación destes programas constitúe un apoio fundamental para as políticas de atención á colectividade galega en Cuba.
- Te recomendamos -