Inicio Galicia Miranda coloca na comarca da Coruña a pedra angular da Estratexia Retorna...

Miranda coloca na comarca da Coruña a pedra angular da Estratexia Retorna 2020

0

O secretario xeral da Emigración visitou un dos trece empresarios da capital coruñesa que recibiron unha das Axudas ao Retornado Emprendedor

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, colocou esta mañá na comarca da Coruña a pedra angular da Estratexia Retorna 2020, integrada por máis de medio cento de medidas e aprobada a pasada semana polo Consello da Xunta. O obxectivo do documento, que implica a todos departamentos do Goberno galego, é facilitar o regreso á Comunidade de máis de 20.000 galegos nos vindeiros tres anos, dos que 12.000 teñan menos de 45 anos. Sumaríanse, así, aos 1.046 galegos que retornaron en 2016 aos nove concellos que conforman a comarca da Coruña, dos que 634 o fixeron á capital herculina.

O responsable autonómico deu estas cifras durante a visita a un dos trece negocios postos en marcha por un mozo retornado na capital coruñesa grazas ás Axudas ao Retornado Emprendedor. Marcos Seijas ultima o lanzamento dunha plataforma dixital pioneira en Galicia tras regresar de Grecia, onde traballou para Apple logo de ser recrutado na Coruña por un cazatalentos da multinacional de Palo Alto. Coma el, outras doce empresas viron a luz nos últimos seis anos no concello da Coruña grazas a este programa da Xunta de Galicia, catro delas só o ano pasado.

Durante o encontro Miranda salientou que “o Goberno galego é consciente desde fai anos de que o noso país dispón dun activo que pode converterse nun dos piares fundamentais no cambio demográfico: os milleiros de galegos de primeira, segundas e terceiras xeracións que residen fóra da Galicia territorial pero conservan o vínculo coa terra que os viu saír a eles ou aos seus país e avós. Un vínculo que se mantivo en gran parte grazas ao esforzo que a Xunta de Galicia vén facendo dende fai décadas cos distintos programas destinados á emigración en todo o mundo”. “Queremos”, engadiu o responsable autonómico, “que todos estes galegos sintan a súa terra como o lugar onde desenvolver a súa traxectoria persoal e profesional, e desde o Goberno galego imos establecer todas as medidas necesarias para que Galicia sexa a súa mellor opción para vivir”.

Oleiros, o terceiro concello da provincia en retornoOs concellos con máis tradición emigrante da comarca son, ademais da propia capital, os de Oleiros, Sada e Arteixo. Precisamente en Sada e Arteixo hai dous negocios máis postos en marcha por beneficiarios das Axudas ao Retornado Emprendedor. Chaman a atención, de feito, as cifras do concello de Oleiros, que conta con 2.606 residentes no estranxeiro e ao que retornaron 122 persoas só no 2016, a terceira cantidade máis alta da provincia.

A suma dos emigrantes e dos seus descendentes, que constitúe o número total de galegos residentes no exterior, ascende a 45.835 só na comarca da Coruña. Esta cifra se incrementou en 15.498 persoas desde 2009, debido principalmente aos descendentes dos emigrantes da zona. “Por iso, Galicia ten a impagable oportunidade de converter o seu pasado emigrante nunha oportunidade de futuro para afrontar o reto demográfico que se lle plantexa nestes intres”, engadiu o responsable autonómico.

Na actualidade hai 179.524 galegos inscritos nalgún dos concellos da provincia da Coruña residindo no exterior, dos que só 57.886, o 33%, naceron en Galicia. O resto son fillos, netos e mesmo bisnetos nados xa no seu país de destino, o que explica que a maioría, o 72% (128.772) teñan menos de 65 anos. Por países, A Arxentina é o país que acoubilla un maior número de coruñeses (60.338), seguido de Uruguai (21.191), Suíza (20.190), Venezuela (13.081), Cuba (11.136), Brasil (10.838) e Reino Unido (8.739). A estes galegos, tanto aos emigrantes coma os seus descendentes, van dirixidos dous dos 22 principais programas especialmente deseñados para os retornados incluídos na Estratexia Retorna 2020: as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), as de estudos do ciclo superior de Formación Profesional, e as Axudas ao Retornado Emprendedor.

Axudas ao Retornado Emprendedor e 52 medidas máisDestas últimas, que conceden ata un máximo de 10.000 euros para poñer en marcha un negocio en Galicia, beneficiáronse nos últimos cinco anos un total de trece coruñeses retornados, dos que catro o fixeron na útima convocatoria deste programa, o de 2017. Na actualidade permanece aberto o prazo de solicitude destas axudas para o ano 2018, que rematará en setembro.

A estas súmanse outras medidas, ata un total de 53, con incentivos específicos que tamén van dirixidas a facilitar o autoemprego e a contratación de retornados, como os destinados á contratación na empresa ordinaria e o programa para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación, ás que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina máis de 13 millóns de euros só en 2018, e que destina un 25% adicional para os retornados. A Estratexia Retorna 2020 esténdese, non obstante, a todas as áreas do retorno: desde a información (coa creación dunha Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retornado, tanto física como virtual e teléfonica), ata o apoio social (cunha liña de axudas ás familias que regresen a Galicia con fillos menores de idade), pasando pola formación, a investigación, a vivienda e o mercado laboral. 


- Te recomendamos -