Inicio Galicia Miranda apoia as aspiracións dos descendentes de galegos no exterior de revogar...

Miranda apoia as aspiracións dos descendentes de galegos no exterior de revogar as situacións de discriminación xeradas pola Lei da Memoria Histórica no acceso á nacionalidade española

0

O secretario xeral da Emigración, acompañado polo representante do Goberno galego na Arxentina e O Uruguai, Alejandro López Dobarro, reuniuse con responsables do Centro de Descendientes de Españoles Unidos (CeDEU)


O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado polo representante do Goberno galego na Arxentina e O Uruguai, Alejandro López Dobarro, celebrou na Delegación da Xunta en Bos Aires unha nova xuntanza con representantes do Centro de Descendientes de Españoles Unidos (CeDEU) na que lles amosou o seu apoio nas reivindicacións sobre o acceso á nacionalidade dos galegos do exterior. O titular do departamento de Emigración transmitiu aos representantes do colectivo Juan Manuel de Hoz, María del Carmen Rodríguez e Sandra López Azaña o respaldo do Goberno galego ás súas aspiracións de revogar as situacións de discriminación xeradas pola Lei 52/2007, popularmente coñecida como Lei de Memoria Histórica.

Miranda lembrou que Galicia xa lle ten solicitado en varias ocasións ao Goberno de España e ás Cortes Xerais que realicen as modificacións normativas necesarias en materia de nacionalidade, procurando o máximo consenso entre todas as forzas políticas, para revisar todos aqueles supostos en que como consecuencia da aplicación da Lei de Memoria Histórica se produciu unha situación de discriminación ou agravio comparativo no acceso á nacionalidade, nomeadamente, os casos de descendentes de españois que non puideron acceder á nacionalidade por motivo de xénero ou idade.

O secretario xeral da Emigración insistiu “na importancia que hoxe en día teñen os españois, e nomeadamente os galegos, do exterior para o noso país. O reto demográfico que está a afrontar Galicia, entre outras comunidades autónomas, débese interpretar como unha chamada de atención inescusable para acometer dunha vez por todas a reforma da lei, e non seguir demorándoa”.

Vigo celebra o seu centenarioO titular do departamento galego dedicou, ademais, a primeira tarde da súa axenda oficial na Arxentina a outro dos centros galegos que está a celebrar o seu centenario este 2018, xunto á Unión Residentes de Dodro en Buenos Aires e o Centro Partido do Carballiño. A Asociación Mutualista Galega Residentes de Vigo recibiu onte á tarde na súa sede da capital bonaerense a visita do responsable galego de Emigración, quen mantivo un encontro cos seus socios e directivos. Ademais, Miranda aproveitou a ocasión para facer entrega á presidenta da entidade, María del Carmen Araújo Baliñas, dun agasallo conmemorativo dos cen anos de vida do centro galego que lidera.


- Te recomendamos -