Inicio Galicia Medio Rural transmite á xunta local da parcelaria de Catoira o seu...

Medio Rural transmite á xunta local da parcelaria de Catoira o seu compromiso de rematar administrativamente este proceso antes de finais do 2020

0

O director xeral de Desenvolvemento Rural e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra mantiveron unha reunión cos responsables locais desta iniciativa na que lle aportaron información sobre as diferentes fases nas que se atopa esta parcelaria

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantiveron, xunto ao alcalde de Catoira, Alberto García, unha reunión cos representantes dos propietarios na xunta local da concentración parcelaria deste municipio para abordar a situación na que se atopa esta tramitación.

A reunión, solicitada á Xunta polos representantes locais desta concentración a través do alcalde da localidade, tivo lugar esta mañá na casa do concello, e na mesma, Miguel Pérez Dubois trasladoulles o compromiso da Consellería de Medio Rural co remate administrativo da parcelaria deste municipio antes de finais do 2020.

O director xeral agradeceu á Xunta Local o seu labor de colaboración para o desenvolvemento desta concentración parcelaria, así como o seu interese constante pola situación na que se atopa a tramitación da mesma. E neste senso, recordou que en decembro do pasado ano contratouse o proxecto de colaboración de servizos técnicos para a actuación e revisión das bases de concentración tanto da zona Norte como da zona Sur deste concello, cun orzamento de 100.757 euros.“Nestes momentos, tras estudar e clasificar durante eses meses os escritos presentados polos afectados da parcelaria, estase a levar a cabo os trámites de audiencia tanto aos 220 recursos entregados como ás 470 modificacións de bases (das cales 280 foron xa resoltas), o que permitirá que en outono poida levarse a cabo unha nova reunión coa Xunta Local de cara á aprobación destas audiencias e ao seu envío á Dirección Xeral”, explicou Dubois, quen engadiu que, deste xeito, “agardamos telas aprobadas antes de finais de ano”.

Paralelamente, “e de cara a continuar avanzando nesta parcelaria”, están xa en contratación os proxectos de colaboración de servizos técnicos para a elaboración do acordo e a colocación dos marcos dos novos predios de substitución en ambas zonas, por un montante total que rolda os 900.000 euros (511.320 para Catoira Norte e 394.395 euros para Catoira Sur).“Ademais, mentres se van marcando as novas parcelas, tamén se vai delimitando os trazados dos futuros camiños secundarios, de cara a axilizar o proxecto e execución dos mesmos na seguinte fase”, engadiu o responsable da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

Ata o momento, a Xunta de Galicia investiu máis de 3,7 millóns de euros nas dúas zonas de parcelaria de Catoira, tendo xa rematadas as fases de levantamento topográfico de planos parcelarios e redes de camiños, o estudo de impacto ambiental, as bases, a redacción dos proxectos de obras, as obras de execución da rede de camiños principais e os traballos previos do proxecto de concentración.

A concentración parcelaria de Catoira conta con dúas zonas, a Norte cunha superficie de concentración de 877 hectáreas, 1.657 propietarios e 13.719 parcelas, e a Sur, con 1.198 hectáreas a concentrar, 1.477 propietarios e 8.921 parcelas.


- Te recomendamos -