Inicio Galicia Medio Rural traballa na mobilización de máis de 1.500 hectáreas a través...

Medio Rural traballa na mobilización de máis de 1.500 hectáreas a través de distintos proxectos agroforestais

0

A conselleira avanzou estes datos na clausura da xornada de presentación dos resultados do Observatorio de Mobilidade de Terras de Galicia


A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, clausurou esta mañá a xornada de presentación dos resultados do Observatorio de Mobilidade de Terras de Galicia, onde destacou que o aumento da base territorial das explotacións agrogandeiros é vital para que estas sexan máis rendibles e competitivas.

A conselleira sinalou que a través deste observatorio se está buscando facilitar o mercado de terras e atopar solucións que respondan con axilidade ás demandas de territorio por parte das explotacións que queiran ampliar así a súa base territorial ou queiran poñer en marcha unha iniciativa de posta en produción de terras.

Precisamente o departamento que Ángeles Vázquez está traballando nunha serie de proxectos que pretenden mobilizar un total de 1.543 hectáreas e que afectarían a uns 1.080 propietarios. Entre eles, cabe destacar a recuperación de soutos tradicionais de castaña no concello de Folgoso do Courel, de praderías en terras de pasteiros abandonadas na comarca dos Ancares ou para a produción de pasto no concello de Sober e pementos en Arnoia.

A conselleira destacou que estas iniciativas, que van da man da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), permiten impulsar a economía nas zonas rurais e loitar contra o abandono de predios. Así, outro obxectivo desta consellería, salientou a titular de Medio Rural, é establecer mecanismos legais para intervir sobre as terras agrícolas e forestais de propietarios descoñecidos ou absentistas en estado de abandono, para que poidan saír adiante neses terreos iniciativas agroforestais viables.

Por último, Ángeles Vázquez salientou o labor do Observatorio de Mobilidade de Terras, xa que por primeira vez hai un ente xerador de información que poida ser demandada polas entidades e organismos que o integran; así como organizador de foros de debate para difundir información sobre a mobilidade de terras e de elaborador de estudos temáticos relacionados coa terra e o seu aproveitamento por parte dos distintos sectores produtivos do medio rural de Galicia.

ConvenioEsta ferramenta nace dun convenio de colaboración asinado no pasado ano 2016 entre a Consellería do Medio Rural, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), a Axencia Tributaria de Galicia, o Instituto de Estudos do Territorio, a Fundación Juana de Vega e a Universidade de Santiago de Compostela. 


- Te recomendamos -