Inicio Galicia Medio Rural traballa na mobilización de 160 hectáreas no Val de Lemos...

Medio Rural traballa na mobilización de 160 hectáreas no Val de Lemos para poñelas á disposición dos gandeiros e agricultores da zona

0

Nesta iniciativa analizáronse 300 hectáreas localizadas en cinco municipios da zona, onde se localizaron as terras que actualmente non producen pero que teñen boas calidades para que poidan ser empregadas polos veciños

O proxecto de mobilización de terras no entorno do Val de Lemos afecta a unhas 160 hectáreas que actualmente están en estado de abandono pero que, pola boa calidade da terra, poderíanse poñer en valor para os gandeiros e agricultores da zona.

Este proxecto comezou no ano 2016 en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Fundación Juana de Vega, coa análise de 300 hectáreas de terreo nos concellos de Monforte de Lemos, Pobra do Brollón, Sober, Pantón e Bóveda. Decidiuse actuar nesta zona debido ás súas especiais características en canto a produtividade agraria e o grao de abandono de terras. O obxectivo deste proxecto piloto é o de lograr a mobilización efectiva de terras agrarias para a súa posta en produción, tanto para potenciais demandantes locais como doutras zonas de Galicia.

Unha vez analizada a área de interese e identificadas as parcelas abandonadas, algunhas delas localizadas en zona de concentración parcelaria, a Consellería do Medio Rural púxose en contacto cos propietarios para dar a coñecer os beneficios deste programa, tanto para as explotacións agrogandeiras como demandantes de superficie agraria, como para todas as persoas propietarias de terreos rústicos, posto que vai permitir frear o deterioro das súas terras, garantíndolle todos os seus dereitos e mantendo ou incluso incrementando o seu valor.

Polo de agora, estanse remitindo cartas a máis de 250 propietarios ou copropietarios de parcelas no entorno seleccionado. O grao de aceptación está a ser elevado, posto que a maioría de afectados ven nesta iniciativa unha boa oportunidade, xa que loita contra o abandono de terras ao tempo que favorece ás granxas e, polo tanto, dinamiza económica e socialmente o entorno. Para finais de verán, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez convocará unha xuntanza informativa con todas as persoas interesadas para explicar polo miúdo os detalles de como se vai articular o proxecto, o seu enfoque, amparo xurídico, etc.

Outros proxectosUnha das prioridades da consellería é precisamente evitar o abandono de terras. De aí que se traballe na finalización dos 127 procesos de reestruturación parcelaria e creando unha ferramenta máis rápida como é o modelo Marcos, un novo instrumento de reestruturación parcelaria máis áxil e de baixo custo para facilitar a mobilidade en zonas de tamaño pequeno (entre 50 e 200 hectáreas).

Doutra banda, a posta en marcha das Unidade de Asesoramento e Xestión de Explotacións (Uaxes) permitirán tamén o movemento de terras e activos entre explotacións, especialmente daqueles gandeiros que se xubilan.

Cómpre tamén destacar a cesión de predios sen interese agrario do Banco de Terras e que se están cedendo aos concellos, para que poidan empregar estes terreos en beneficio dos veciños con infraestruturas de interese común.


- Te recomendamos -