Inicio Galicia Medio Rural terá aboados 135 millóns de euros da PAC na primeira...

Medio Rural terá aboados 135 millóns de euros da PAC na primeira semana de decembro

0

A consellería concentrará así o groso das axudas nun único pago co obxectivo de achegar maiores importes a máis beneficiarios


O conselleiro do Medio Rural, José González, anunciou hoxe, nunha visita a unha explotación de vacún en extensivo, que este ano adiantaranse os pagos principais da PAC á primeira semana de decembro. Deste xeito, ata 26.000 beneficiarios terán ingresado xa nesas datas 135 millóns de euros.

O obxectivo da consellería é concentrar nun único abono as liñas de pago básico, pago verde, agricultores mozos e pequenos agricultores, que acadan os 110 millóns de euros. Estes ingresos está previsto facelos na primeira semana de decembro (antes do día 7). Respecto aos anticipos, e seguindo a dinámica habitual en Galicia, solicitouse o primeiro pago para finais de novembro. En concreto, comezaranse a ingresar ata 25 millóns de euros a partir do día 19 a un total de 18.000 gandeiros e agricultores. Coma novidade, este ano, os anticipos das axudas céntranse nas achegas de vacún de leite e de vacas nutrices, precisamente porque os abonos do resto de liñas concéntranse nun único pago.

Deste xeito e por primeira vez en Galicia, realizaranse os chamados pagos de salgo (o grosso das axudas) na primeira semana de decembro, conseguindo así aboar a maior parte das axudas da PAC antes de que remate o ano.

Así o explicou o conselleiro nunha visita en Cova, na Pobra de Trives, na que estivo acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo alcalde, Domingo Diéguez. Alí visitou algún dos terreos da comunidade de montes veciñais en man común -son unhas 160 hectáreas- onde pastan máis dun centenar de vacas da comunidade de propietarios. “A gandería en extensivo ten unha gran importancia en Galicia, pois permite ter os animais soltos que contribúen a manter limpos os terreos e conséguese unha carne de mellor calidade ao estaren alimentados de forma natural”, matizou González. De aí que o seu departamento teña un proxecto en marcha nesa zona para fomentar este tipo de gandería.

Visita á oficina agraria comarcalAproveitando a súa estadía no municipio de Pobra de Trives, o conselleiro visitou tamén as instalacións da oficina agraria comarcal. Alí, aproveitou para saudar ao persoal e coñecer de primeira man as demandas que puideran ter os veciños que se achegan a estas instalacións dependentes da consellería.

Así mesmo, anunciou unha rolda de visitas a estes departamentos para supervisar o labor que se realiza e así poder mellorar a súa funcionalidade, co obxectivo de optimizar os servizos prestados aos agricultores e gandeiros.

Chandrexa de QueixaFinalmente, o titular de Medio Rural achegouse ao concello veciño de Chandrexa de Queixa para manter unha reunión de traballo co seu alcalde, Francisco Rodríguez. Ambos dirixentes analizaron as demandas e necesidades dos veciños deste municipio e acordaron afondar na mellora de infraestruturas rurais.


- Te recomendamos -