O director xeral de Desenvolvemento Rural reuniuse co alcalde deste concello pontevedrés para analizar a situación actual destes procesos
O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, reuniuse esta mañá co alcalde do concello de Lalín para trasladarlle que, ao longo desta lexislatura, daranse por rematadas administrativamente as cinco reestruturacións parcelarias que, a día de hoxe, están abertas neste municipio pontevedrés.
O director xeral analizou a situación actual neste concello e salientou o ritmo de reorganización do territorio, pois xa están rematados outros cinco procesos cunha extensión global de algo máis de 800 hectáreas. Pérez Dubois explicoulle ao mandatario local que, no caso das reestruturacións abertas, lévanse investido preto de 18 millóns de euros co fin de reorganizar o territorio e ampliar así a base territorial das explotacións da zona, evitar o abandono de predios, mellorar as comunicacións e promover a fixación de poboación no rural galego.
As cinco zonas vivas son as de Cercio, cunha extensión de 498 hectáreas; a de Noceda-Bendoiro-Anzo-Madriñán-Busto, cunha extensión de 2.283 hectáreas; Santa Baia de Losón con 738 ha, a de Val-Bermés-Sello, cunha superficie de 2.003 ha e a de Vilatuxe con 911 hectáreas. En total, os propietarios que se benefician destes procesos son 3.222 veciños, que en dous anos verán estas parcelarias administrativamente rematadas.
A máis avanzada é a da zona de Vilatuxe, onde xa se entregaron as novas parcelas e se está finalizando o acondicionamento das mesmas. Doutra banda, as de Noceda e Val están na fase de bases definitivas, mentres que Losón está pendente de acordo e Cercio, na fase de bases provisionais.
O director xeral insistiu en que o departamento que dirixe Ángeles Vázquez está facendo un importante esforzo económico para rematar os 128 procesos activos que hai arestora na nosa Comunidade e lembrou que, no período 2009-2017, a Xunta destinou preto de 92 millóns de euros ás obras e servizos técnicos das reestruturacións parcelarias en toda Galicia.
- Te recomendamos -