Inicio Galicia Medio Rural recolleu algo máis de 136 toneladas de pataca en Muxía...

Medio Rural recolleu algo máis de 136 toneladas de pataca en Muxía para controlar a expansión da couza guatemalteca

0

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias dixo no Parlamento que se tramitaron 7 expedientes sancionadores na provincia coruñesa e 18 en Lugo por incumprir as normas fronte esta praga

A Consellería do Medio Rural recolleu un total de 136.098 quilos de pataca dentro da zona infestada no concello coruñés de Muxía entre o 25 de abril e o 1 de xuño para controlar a expansión da praga da couza guatemalteca. Así o comunicou esta mañá a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, na Comisión 7ª do Parlamento, e sinalou ademais que as declaracións de cultivo e existencias de tubérculo neste municipio foron 656. Informou, así mesmo, de que na zona tampón, establecida nos concellos de Camariñas, Vimianzo, Dumbría, Cee e Fisterra, houbo 1.229 declaracións de cultivo e existencias.

Do Campo deu conta da tramitación de sete expedientes sancionadores na provincia coruñesa e doutros 18 na de Lugo por incumprir as normas decretadas para o control da praga e recalcou que a lei estatal de sanidade vexetal recolle multas de entre 3.001 e 120.000 euros para as infraccións graves por este motivo. Fixo ademais un chamamento á responsabilidade, para que non se planten patacas nas zonas afectadas, favorecendo así o control da praga.

En canto ao dispositivo de trampeo, a directora xeral sinalou que nos seis concellos das zonas infestada e tampón despregáronse un total de 96 trampas en campo. Só se capturaron individuos en Muxía (en 18 das 68 trampas instaladas, é dicir, nun 26%). Sobre o operativo de controis do transporte de patacas en estradas, Belén do Campo indicou que entre os anos 2017 e 2018 houbo 190 controis na provincia da Coruña, en colaboración coa Policía Autonómica, e que estes dispositivos vanse reforzar no futuro na comarca de Bergantiños. Agradeceu tamén aos veciños de Muxía a súa implicación e colaboración en todo o proceso de recollida. Con respecto ás solicitudes de indemnización, dixo que o prazo para presentalas remata o vindeiro 30 de setembro e a día 4 de xuño recibíronse na consellería un total de 447 peticións de particulares, e que se van axilizar ao máximo os pagamentos.

Melloras para os axentes forestaisA Consellería do Medio Rural está comprometida coa mellora constante das condicións de traballo dos axentes medioambientais e forestais e mantén abertas en todo momento as negociacións cos seus representantes sindicais para avanzar neste sentido. Así o afirmou a secretaria xeral técnica da Consellería, Carmen Bouso, en resposta a unha pregunta sobre o tema nesta mesma Comisión 7ª do Parlamento. A secretaria xeral fixo un recoñecemento expreso ao labor esencial que realizan os axentes e agradeceulles aos integrantes deste colectivo a súa “dedicación e esforzo permanente”. Explicou ademais as melloras introducidas nas súas condicións de traballo nos últimos anos, tanto no que atinxe ás súas retribucións como ás quendas de traballo, horarios, formación e outros aspectos. Trasladou, así mesmo, que o proceso de negociación, da man da Dirección Xeral da Función Pública, non está pechado e amosou a súa confianza en que remate do xeito máis satisfactorio para ambas partes. Indicou que de forma inminente manterase unha nova xuntanza entre os interlocutores.

Dentro do devandito proceso negociador, a secretaria xeral explicou que se lle ten feito aos axentes unha oferta inicial que mellora as súas retribucións anuais, xunto con outras melloras, e lembrou que tamén se lles está fornecendo constantemente de material, como vehículos novos e dispositivos informáticos (tablets), cun investimento que supera, en conxunto, os 1,1 millóns de euros.

Formación do persoal anti incendiosPola súa banda, o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, explicou que a formación do persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais ten carácter continuo e mantido no tempo, e deu conta das accións formativas desenvolvidas no ano 2017 e no que vai de 2018, algunhas delas novidosas e que están a xerar un alto grao de satisfacción entre os participantes. Neste período houbo arredor dunha ducia de accións formativas, centradas en aspectos técnicos e operativos, así como monográficas sobre os grandes lumes forestais. Valorou como moi importante o nivel formativo dun dispositivo que, explicou, ten un carácter basicamente estrutural, cun persoal que recibe formación “de maneira continuada e moi intensa”.

Tractores para previr incendiosPor outra parte, o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, deu conta dos criterios obxectivos que segue a consellería para asinar convenios con diversos concellos destinados ao mantemento e limpeza de matogueira, mediante a adquisición de tractores e rozadoras. Así, sinalou que, para definir os municipios beneficiarios, téñense en conta aspectos como a súa poboación, a súa dispoñibilidade de motobombas, apoiar un máximo de cinco concellos por provincia, as axudas que reciben ou que teñan parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI), entre outros criterios. Indicou que Medio Rural asinou en 2017 un total de 35 convenios con outros tantos concellos, por un importe conxunto que supera os 3 millóns de euros.

Para o 2018 está previsto destinar arredor de 3,2 millóns de euros para financiar diferentes actuacións relacionadas coa prevención de lumes. Así, o director xeral dixo que se contempla a sinatura doutros 19 convenios con outros tantos concellos para financiarlles a compra de tractores, a adquisición directa pola consellería de 15 novas máquinas con rozadora para as catro xefaturas territoriais de Medio Rural e un convenio máis para outro tractor, coa Deputación de Ourense, que –recalcou– foi a única das catro galegas que quixo colaborar nesta actuación. 


- Te recomendamos -