Inicio Galicia Medio Rural incorpora 11 novas motobombas para a loita contra os incendios...

Medio Rural incorpora 11 novas motobombas para a loita contra os incendios forestais por importe de 2,3 millóns de euros

0

Os vehículos repartiranse entre os diferentes distritos forestais

A Consellería do Medio Rural vén de asinar un contrato de subministración de 11 motobombas para a prevención e defensa contra os incendios forestais que se incorporarán aos diferentes distritos galegos. O importe da contratación ascende a 2,3 millóns de euros.

Os vehículos contan cunha bomba de auga para a extinción e inclúen diferentes melloras no equipamento. Entre elas, a montaxe dun cabrestrante de accionamento hidráulico integrado na defensa dianteira con dous mandos de manexo, capaz de exercer unha forza de tracción de oito toneladas en tiro directo. Tamén, incorporan 200 litros de aumento da capacidade de auga da cisterna sobre os 4.000 litros de capacidade útil que indicaba o prego de prescricións técnicas.

A contratación destas motobombas está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo 2014-2020. Nas condicións establécese que o prazo de entrega é de 14 semanas dende a sinatura do contrato.

Desde o ano 2009, lévanse renovado un total de 55 motobombas para os distritos forestais e 42 para os concellos de Galicia. En total, falamos dunhas 360 motobombas integradas no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga), das cales 158 son dos distritos e o resto de concellos, parques comarcais e municipais. 


- Te recomendamos -