Trátase dun produto gastronómico artesanal que conta coa súa propia feira anual, onde se enxalzan outros alimentos típicos da zona
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse esta mañá en San Caetano co alcalde de Sober, Luis Fernández. Na xuntanza, o rexedor trasladoulle a súa intención de solicitar unha marca de calidade para promocionar a rosca de Sober, produto gastronómico artesanal que conta cunha gran sona en toda a rexión.
A conselleira comprometeuse a estudar esta solicitude, pois se algo caracteriza á nosa comunidade é precisamente os seus produtos agroalimentarios de calidade. Valorou o interese do rexedor por protexer e poñer en valor este produto característico da súa zona, pois redundará en beneficio dos seus veciños e en dar a coñecer este concello do sur da provincia de Lugo. Precisamente, este ano celebrouse a XXIII edición da Feira da Rosca, onde tamén estiveron presentes outros produtos da zona como mel, queixos ou castañas, e se celebrou o II túnel do viño de Amandi, cunha moi boa acollida entre os asistentes.
Outros temasNoutra orde de cousas, o concello pediu colaboración ao departamento que dirixe Ángeles Vázquez para poñer en valor un viñedo experimental ubicado nunha parcela municipal a través da denominación de orixe Ribeira Sacra e da propia Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega). O concello de Sober é eminentemente vitícola e conta a día de hoxe con 40 adegas amparadas pola DO Ribeira Sacra, estando en marcha novos proxectos de adegas e ampliación das existentes.
Así mesmo, a conselleira tomou nota da solicitude do alcalde para reforzar a colaboración en materia de prevención de lumes forestais. Neste senso, o rexedor solicitoulle á consellería asesoramento para a elaboración dun plan de defensa de incendios forestais, que están elaborando actualmente. A conselleira indicoulle ao dirixente municipal que o seu departamento colaboraría dentro das súas posibilidades e animouno tamén a que se adhira ao novo convenio coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que ten como obxectivo a xestión da biomasa nas faixas secundarias para minimizar o risco de propagación de incendios forestais. Ángeles Vázquez felicitou tamén ao alcalde polas actuacións que están poñendo en marcha no seu municipio, pois ademais deste plan de prevención están tamén a levar a cabo unha iniciativa pioneira de reforestación con árbores autóctonas naquelas parcelas abandonadas.
- Te recomendamos -