Inicio Galicia Medio Rural e a Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia traballan para...

Medio Rural e a Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia traballan para ampliar as variedades e a área amparada por este selo de calidade

0

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias reuniuse con responsables desta IXP para avanzar na modificación do seu prego de condicións


A Consellería do Medio Rural e a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia están a traballar na modificación e mellora do prego de condicións deste selo de calidade, co fin de ampliar tanto as variedades de tubérculo amparadas como a súa área xeográfica. A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, reuniuse co presidente do Consello Regulador da IXP, Guillermo Budiño, e co secretario desta entidade, Ricardo Losada, para avanzar nestes labores.

O obxectivo é reformar o devandito prego para introducir dúas novas variedades de pataca: Agria e Fina de Carballo. A primeira cultívase sobre todo na comarca ourensá da Limia e a Fina na de Bergantiños, como indica o seu nome.

Ademais, nesta xuntanza avaliouse a modificación das condicións que rexen a IXP para ampliar ao conxunto de Galicia a zona xeográfica amparada por esta indicación. Tense en conta, neste sentido, que o cultivo de pataca realízase en todo o territorio da comunidade autónoma, agás nas zonas de alta montaña.

Outros cambios en estudo pasarían polo aumento do rendemento por hectárea da variedade Kennebec e pola regulación da etiquetaxe, de forma que se poida utilizar a mención “elaborado con IXP Pataca de Galicia” nos produtos elaborados que utilicen como materia prima o tubérculo amparado. Ademais, nesta xuntanza de traballo tratouse o proxecto proposto pola IXP para a obtención de semente base de Fina de Carballo, co fin de dotar ao sector deste material.


- Te recomendamos -