Inicio Galicia Medio Rural e a AICA colaborarán para fomentar a calidade e competitividade...

Medio Rural e a AICA colaborarán para fomentar a calidade e competitividade do sector do aceite en Galicia

0

A través dunha encomenda de xestión, a axencia nacional realizará un plan de control en todos aqueles operadores cuxas instalacións se atopen no territorio galego

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe un convenio de encomenda de xestión entre a Consellería do Medio Rural e a Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) para fomentar a calidade e a competitividade do sector oleícola en Galicia, tanto no tocante á produción de aceite de oliva como no de olivas de mesa.

Desta forma, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez autoriza a esta axencia a xestionar e manter os sistemas de información, seguimento e análise dos mercados oleícolas e a análise e difusión dos resultados. O obxectivo é asegurar a veracidade e integridade dos datos co fin de determinar a orixe, destino e características das materias primas e os produtos.

A través desta colaboración, a AICA realizará un plan de control en todos aqueles operadores cuxas instalacións se atopen no territorio galego e remitirá as incidencias detectadas á consellería. Con este traballo conxunto búscase tamén mellorar o funcionamento e a vertebración da cadea alimentaria, garantindo unha distribución sustentable do valor engadido ao longo dos sectores que a integran e conseguir un maior equilibrio e transparencia nas relacións comerciais entre os diferentes operadores.

O mercado oleícola está en auxe en Galicia polo que é preciso establecer unha serie de controis que permitan asegurar un correcto funcionamento das industrias, á vez que se lle garante ao propio consumidor unha información completa e eficaz sobre os alimentos e a súa calidade.  


- Te recomendamos -