As obras foron realizadas a través do Plan Marco de camiños, que para este ano 2018 contou cun orzamento global de 15,9 millóns de euros
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, mantivo unha xuntanza coa alcaldesa do Rosal, María Alonso, para analizar a situación actual deste municipio pontevedrés en canto ao acondicionamento dos camiños de titularidade municipal, que redundan nunha mellora da calidade de vida dos veciños.
A conselleira salientou que nos últimos tres anos a partida orzamentaria destinada a este municipio dentro do Plan Marco de mellora de camiños foi de 122.550 euros, sendo a contía para este ano de 38.509 euros. En concreto, melloráronse as estradas de Furnos (420 metros), Sandián (750 metros) e os camiños de Carrascal e do Calzado (entre estes dous son uns 950 metros).
Grazas a este programa, destacou a titular de Medio Rural, mellóranse as vías de comunicación que dan acceso ás 30.000 entidades nas que se asentan as vivendas da poboación rural e que supoñen as canles de entrada e saída das producións (desde o leite ata a artesanía) que os negocios rurais precisan.
As obras que son subvencionables pasan por actuacións que supoñan un incremento da largura da vía, o reforzo do firme e terrapléns ou a limpeza das marxes, quedando excluídas as obras en rúas interiores, dentro dos núcleos de poboación. Neste senso, ambas mandatarias analizaron a situación actual dos camiños tras o seu acondicionamento e comprobar así o correcto desenvolvemento das actuacións.
Plan Marco 2018O orzamento do Plan Marco da convocatoria deste ano foi de 15,9 millóns de euros para toda Galicia, distribuídos en dúas anualidades (2018-2019) de 7,99 millóns cada unha. No caso concreto da provincia de Pontevedra, os municipios repartíronse máis de 3,2 millóns de euros para investir no arranxo dos seus camiños.
Respecto ao reparto destes fondos, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) acordou no seu momento coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) os criterios de distribución cunha base fixa de 15.000 euros por localidade e en base a conceptos como número de habitantes, a superficie, o peso do agro, así como o grao de envellecemento ou despoboamento. Ademais contemplouse un incremento do 50% para aqueles concellos fusionados.
Noutra orde de cousas, a responsable de Medio Rural tamén analizou a inversión realizada a través do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) neste concello, que o pasado ano contou cun orzamento de case 50.000 euros para o arranxo de camiños na parroquia de San Bartolomé das Eiras, así como posibles colaboracións en materia de prevención de incendios forestais.
- Te recomendamos -